Ganderías da IXP Carne de Cantabria coñecen o sistema produtivo de Ternera Gallega

Un grupo de 30 gandeiros e gandeiras inscritos na IXP Carne de Cantabria viaxou a Galicia para coñecer diferentes sectores produtivos, tanto de carne como de leite, pero centrándose especialmente nas explotacións de Ternera Gallega. Tamén asistiron á primeira Xornada Técnica do Grupo Operativo Granxas Modelo, no que a IXP colabora coa Fundación Juana de Vega, anfitrioa desta visita. 

O programa de actividades comezaba o martes coñecendo o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) e os proxectos clave nos que traballan no vacún de carne.  Ademais, acompañado polo director técnico da IXP, Antón Xende, o grupo visitou unha gandería de Frades inscrita en Ternera Gallega para saber máis sobre o seu sistema de manexo, o tipo de animais e razas admitidas, a alimentación que reciben e o programa de control de calidade, de benestar animal e de rastrexabilidade que aplica o Consello Regulador. No caso do sector lácteo, puideron achegarse á explotación en ecolóxico de Casa Grande de Xanceda. 

GO Granxas Modelo

O mércores os gandeiros e gandeiras cántabros participaron, en Cervantes, na Xornada Técnica do GO Granxas Modelo, na que se expuxeron os primeiros estudos e resultados deste grupo operativo, no que traballan a IXP e a cooperativa inscrita A Carqueixa da man da Fundación Juana de Vega. Pola tarde, visitaron a aldea de Cerredo para asistir a unha charla sobre os pastos de alta montaña.

A viaxe rematou este xoves, coñecendo outra gandería inscrita en Ternera Gallega en O Corgo e cunha visita cultural polo Piornedo.