Un estudo da Fundación Juana de Vega evidencia a dependencia da PAC das explotacións de vacún de carne e a necesidade de mellorar a súa eficiencia produtiva
- Este estudo enmárcase nos traballos do Grupo Operativo Rede Galega Granxas Modelo, no que participan tamén a IXP Ternera Gallega e a cooperativa A Carqueixa, e que celebrou a súa primeira Xornada Técnica este mércores.
- As ganderías analizadas, de pequena dimensión e base familiar, son responsables da xestión de máis de 200.000 ha de superficie agraria útil (SAU) e teñen un papel esencial na prevención de incendios e no mantemento da paisaxe de Galicia.
- Para que poidan seguir cumprindo este papel esencial, é imprescindible garantir a súa rendibilidade, condición tamén necesaria para asegurar o relevo xeracional e o futuro do sector no medio rural.
O Grupo Operativo Rede Galega de Granxas Modelo presentou nunha Xornada Técnica os resultados dun estudo de custos sobre o vacún de carne en Galicia en 2024, que achega unha visión actualizada sobre a situación económica destas explotacións e os seus retos de futuro. O Grupo Operativo está promovido pola Fundación Juana de Vega, o Consello Regulador das IXP Ternera Gallega e Vaca Galega-Boi Galego e a Cooperativa A Carqueixa, coa colaboración do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), dependente da AGACAL.
Un dos principais obxectivos deste proxecto é mellorar a capacitación dos responsables das explotacións e dos asesores técnicos, favorecendo unha xestión máis eficiente e, como resultado, unha maior rendibilidade e viabilidade das explotacións a longo prazo.
O informe, realizado pola Fundación Juana de Vega, baséase na información subministrada en 2024 por 17 explotacións de vacas nutrices que forman parte da Rede Galega de Granxas Modelo. Os datos revelan un modelo produtivo de dimensións pequenas e medianas, cun rabaño tipo de 56 vacas nutrices, arredor de 60 hectáreas de base territorial, sustentadas fundamentalmente no traballo familiar e cunha dedicación equivalente 1,12 Unidades de Traballo Agrario (UTA)1 por granxa. De media, estas explotacións comercializan 34 becerros ao ano, ao que hai que sumar as vendas de animais de desvelle e para a vida, acadando unha produción de 10.460 kg por gandería.
Resultados económicos
O estudo revela que en 2024 os custos ou gastos medios dunha explotación de vacún de carne ascenderon a 85.950 euros anuais, incluíndo neles a remuneración dos titulares como traballadores; mentres que os ingresos alcanzaron os 88.615 euros. Isto deixa unha marxe media de beneficio, a maiores do salario, de 2.665 euros ao ano. Traducido a quilos de carne, o custo de produción sitúase en 8,22 €/kg, fronte a uns ingresos de 8,47 €/kg, o que deixa unha marxe mínima de 0,25 €/kg. Se se analiza a renda dispoñible, é dicir, o importe que quedaría para as persoas propietarias se non se imputase dentro dos gastos o seu salario, a cifra ascende a uns 29.400 euros anuais por explotación.
Dentro da estrutura de gastos, a alimentación é a principal partida, cunha media de 33.193 euros por explotación, o que representa case o 39% do total. Séguelle a retribución imputada ao traballo das persoas propietarias (31,1%), calculada tomando como referencia 1,5 veces o salario mínimo interprofesional. As amortizacións supoñen un 8,4% dos custos e os arrendamentos de terras e instalacións, arredor dun 6%. O resto distribúese entre conceptos como sanidade e reprodución, seguros, tributos, gastos financeiros e outras partidas menores.
Pola banda dos ingresos, a maior parte procede da venda de animais (67,4% do total), principalmente becerros, vacas de desvelle e animais para vida. O resto corresponde ás subvencións públicas, que representan o 34,2% dos ingresos, cun peso moi destacado das axudas recorrentes da PAC, que achegan de media uns 29.000 euros por gandería.
Buscar un futuro eficiente e competitivo
Analizadas estas variables, o estudo da Fundación Juana de Vega pon de manifesto que, actualmente, as axudas da PAC son determinantes para a viabilidade das explotacións do vacún de carne galego. “Noutras palabras, as axudas públicas equivalen practicamente á renda dispoñible das granxas, evidenciando a vulnerabilidade estrutural e a necesidade de políticas públicas estables orientadas ao fortalecemento dun sector estratéxico para o rural de Galicia”, manifestaba o director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade. “O vacún de carne galego, engadiu, baséase nun modelo produtivo sostido polo traballo familiar e cunha forte dependencia das subvencións. Para garantir o seu futuro é imprescindible avanzar en estratexias que melloren a eficiencia produtiva, reforcen a estabilidade económica e valoricen comercialmente a carne galega”.
Neste contexto, resulta evidente a necesidade de avanzar na profesionalización e competitividade do sector, pois estas explotacións son responsables directas da xestión de máis de 200.000 hectáreas de superficie agraria útil (SAU) en Galicia. A súa actividade contribúe de maneira decisiva á prevención dos incendios forestais e á conservación da paisaxe en mosaico agroforestal, un dos sinais de identidade do territorio galego. Para que poidan seguir cumprindo este papel esencial é imprescindible garantir a súa rendibilidade, condición necesaria tamén para asegurar o relevo xeracional e o futuro do sector no medio rural.
Previamente, Adrián Sánchez, técnico da Fundación Juana de Vega, analizou a conxuntura actual do sector, centrando a súa intervención nos factores que explican os elevados prezos da carne de vacún na actualidade. Entre as principais causas destacou a redución da dispoñibilidade de gando rexistrada en 2021 e 2022, nun contexto de prezos baixos e custos elevados, que se viu agravado pola guerra de Ucraína. A este escenario sumáronse o impacto de enfermidades como a EHE e o longo período de dous anos necesario para incorporar novas vacas nutrices ao rabaño.
Nesta xornada técnica participou tamén a responsable de proxectos da Cooperativa A Carqueixa, Lucía Fernández, quen explicou o seu modelo de negocio na venda directa nunha carnicería propia situada na Praza de Abastos de Lugo o na elaboración de pratos precociñados. O presidente de A Carqueixa, Antonio Delpueblo, e o presidente da Comunidade de Montes de Moreira, Ceferino López, exemplificaron en primeira persoa o papel fundamental que desempeñan as explotacións na conservación dos pastos comunais de alta montaña e na xestión territorial.
Esta xornada técnica do Grupo Operativo Rede Galega de Granxas Modelo reuniu arredor de setenta persoas, entre gandeiros e gandeiras, persoal técnico, investigadores e particulares chegados a Cervantes desde toda Galicia. Ademais, contou coa asistencia dunha comitiva de trinta gandeiros cántabros que estes días realizan unha visita de estudo para coñecer experiencias produtivas na nosa comunidade.