O programa Labranza achéganos aos cursos de formación e ao relevo xeracional da IXP

Na procura dun aproveitamento integral de todo o canal, Ternera Gallega continúa co seu programa formativo dirixido a diferentes públicos. Entre eles, un dos principais é o sector dos profesionais da carnicería, especialmente das diferentes cadeas de distribución galegas. Desde a sede do Consello Regulador, que conta cunha aula de cociña para a divulgación e a promoción da carne certificada, o programa da TVG, Labranza, amosa en que consisten estes seminarios, cos que a IXP ten por obxectivo que os carniceiros e carniceiras se convertan nos mellores asesores cárnicos para o consumidor final.    

Ademais de afondar no coñecemento sobre a Indicación Xeográfica Protexida e o seu sistema de control e de rastrexabilidade, o programa formativo de Ternera Gallega aborda cuestións sobre tecnoloxía cárnica e presenta, na parte práctica, as pezas menos coñecidas do vacún e os seus usos culinarios. 

Ganderías con titulares novos

Este programa do Labranza tamén recorda que a base da calidade do produto amparado está nas preto de 8.000 ganderías inscritas na IXP e fai fincapé no relevo xeracional a través dun recorrido por varias explotacións. 

En Palas de Rei, a Gandaría Lembraeco, con Joni e Zoraida á fronte, aposta pola raza autóctona e cría animais de raza Caldelá, despois de comprobar de primeira man a calidade da súa carne. Ademais, certifican baixo a categoría Ternera Gallega Suprema Ecolóxica

Lucía Casal, desde Melide, cría animais de Suprema e, na súa maioría, de Rubia Galega en semiextensivo, ademais de converterse en agroinfluencer e amosar o día a día da gandería familiar nas súas redes sociais. 

O programa da TVG tamén se trasladou ata Pedrafita do Cebreiro para coñecer a Pilar e Paula, nai e filla, que manteñen un sistema de crianza tradicional, tamén de Ternera Gallega Suprema, a pesar das dificultades de manexo na alta montaña.