Retos para o relevo xeracional no campo
Un informe do Foro Económico de Galicia indica que o sector agrogandeiro conta cunha man de obra de 50.000 persoas tras unha gran baixada desde a integración na Unión Europea (en 1985, tiña 415.000 ocupados). A esta situación súmase o envellecemento dos titulares das explotacións xa que, segundo os datos do Censo Agrario do 2020, o 71,7 % estaban próximos ou superaban a idade de xubilación.
A dimensión das explotacións e a súa rendibilidade son cuestións esenciais que condicionan o relevo xeracional. Porén, mesmo nos estratos superiores - cunha produción anual de máis de 50.000 euros - o 40 % das unidades produtivas (3.500) están en mans de persoas con 55 ou máis anos.
As diferenzas en función do tamaño das explotacións trasládanse aos datos por orientacións produtivas. Segundo o estudo do Foro Económico de Galicia, hai un peso moito maior dos agricultores e agricultoras mozos nas unidades especializadas nas principais producións gandeiras: vacún de leite, vacún de carne, porcino e aves. Mentres que o envellecemento é acusado nas explotacións non especializadas (cultivos agrícolas diversos, policultivos, gandaría mixta) e en certos cultivos (horticultura ao aire libre, froiteiros e cítricos).
No plano territorial, o relevo xeracional estase concentrando nas áreas gandeiras do interior da metade setentrional. Mentres que a situación e perspectivas demográficas son moito máis problemáticas en amplas zonas da xeografía galega, que poden ver desaparecer nas décadas inmediatas unha grande parte das explotacións agrarias.
Este informe, “O relevo xeracional no sector agrario galego: retos e oportunidades” foi elaborado polo profesor da Universidade de Santiago de Compostela, Edelmiro López Iglesias, e o investigador da mesma entidade, Francisco José Ónega López. O documento recolle o diagnóstico e as recomendacións derivadas da VIII Reunión Casal de Armán, celebrada en xuño de 2024, e analiza os factores que condicionan a renovación xeracional no sector agrario galego.
Como medidas de futuro, o estudo recorda que a PAC inclúe o relevo xeracional como un dos seus obxectivos prioritarios. Tamén na elaboración do PEPAC 2023-2027, a Consellería do Medio Rural definiu unha estratexia de intervención con varias liñas de traballo: acceso á terra e/ou a explotacións agrarias; apoio á instalación e á creación de empresas agrarias; formación, tutorización e asesoramento; sensibilización e información.