Mellorar a rendibilidade das explotacións e abrir mercados, retos do novo Consello Regulador 

Comeza unha nova andaina no Consello Regulador das IXP de Carne de Vacún de Galicia, unha vez rematado o proceso electoral que se iniciaba en novembro do ano pasado. Das 16 vogalías que o compoñen (8 en representación da produción e outras 8 por parte da industria), 9 delas terán caras novas, ademais de que tamén os seus vicepresidentes se estrean no cargo. Con 14 votos a favor e 2 abstencións, continúa como presidente Jesús González, que foi entrevistado no programa da Radio Galega “Ferrado e medio” para falar dos próximos retos a abordar.

Desafíos amplos e de gran relevancia, nas súas palabras, como seguir traballando pola rendibilidade das ganderías, como axentes fundamentais para o futuro do sector e do medio rural en conxunto. Aínda que na segunda metade do 2022 os prezos de Ternera Gallega melloraron progresivamente, González recalcou que actualmente “non son os óptimos xa que o encarecemento das materias primas segue afectando ás rendas” dos produtores. Avogou pola “busca dun equilibrio xa que tamén é preciso poñerse na situación do consumidor”, que ve como se encarecen os prezos da alimentación e doutros gastos básicos do fogar. Por iso o presidente do Consello Regulador apunta a fomentar o consumo como obxectivo nos próximos meses para que a demanda tire dos prezos. 

Mellorar a comercialización

Por outra banda, e facendo referencia ás liñas que marcou a Estratexia do sector cárnico, Jesús González asegurou que é necesaria unha maior profesionalización do sector. Para evitar flutuacións entre a oferta e a demanda no caso da IXP Ternera Gallega, incidiu na “regularización da produción” e apostou polo “asociacionismo para mellorar a comercialización por parte dos gandeiros”, aos que anima a producir alimentos para os animais nas súas explotacións co obxectivo de aforrar en custos e non depender do mercado das materias primas, sobre todo no caso de Ternera Gallega Suprema. 

En canto ao sector industrial, a meta é “promover a comercialización fóra de Galicia e a apertura de novos mercados para que así melloren os prezos e repercutan no ámbito da produción”. Nese sentido, asegura que o Consello Regulador seguirá traballando “na promoción da carne certificada, no seu etiquetado e na diferenciación das categorías comerciais para continuar achegando información transparente ao consumidor”. 

O vacún maior certificado

No caso da IXP Vaca Galega – Boi Galego, Jesús González sinalou que é necesario un compromiso por parte de todo o sector para promover o vacún maior galego, pero “especialmente por parte da industria para que o produto certificado chegue aos mercados” e evitar confusións ou enganos no uso do nome de Galicia vinculado a este tipo de carne, tan demandada actualmente na alta restauración.