O Consello Regulador fai balance do proceso de elección dos seus cargos e vogalías

O CR das IXPs de Carne de Vacún de Galicia está composto por 16 membros: 8 representan ao sector produtor e 8 ao sector industrial, tal e como se recolle no seu Regulamento. Dentro da produción, ao censo de Ganderías correspóndelle 5 vogalías e ao censo de Cebadeiros 3. No caso da industria, o censo de Matadoiros ten 3 vogalías para aqueles que certifican máis de 2.000 canais ao ano e 1 para os de 2.000 ou menos canais ao ano. Outras 2 vogalías corresponden ao censo das Salas de despezamento e 2 máis ao censo de Grosistas e Retallistas.

O pasado 19 de febreiro producíronse eleccións dentro do Censo de Ganderías. Nos censos restantes non houbo votacións, xa que se presentaron candidaturas únicas a cada un deles, polo que os seus representantes foron elixidos directamente. Na votación para escoller os 5 representantes do Censo de Gandarías, 2 obtívoos a Asociación Gandeiros Galegos da Suprema, outros 2 foron para Unións Agrarias e 1 para o Sindicato Labrego Galego

Con 7.605 ganderías inscritas neste censo, a participación foi dun 37,4 %, o que significa que se emitiron 2.826 votos. Deles, 1.158 (41 %) escolleron a Asociación Gandeiros Galegos da Suprema; 901 (32 %) optaron por Unións Agrarias e 405 (14 %) polo Sindicato Labrego Galego. Non obtiveron representación Cooperativas Gandeiras de Ternera Gallega Suprema (Agaca), que recibiu 173 votos (6 %); a Asociación Agraria de Galicia, con 118 (4 %), nin tampouco a Federación Rural Galega, con 71 votos (3 %). 

Constitución do pleno

O día 9 de marzo, os 16 vogais tomaron posesión do seus cargos no pleno constitutivo do novo Consello Regulador, baixo a presencia do director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos. A continuación, como ocorre en todos os Consellos Reguladores, os vogais propuxeron e votaron as candidaturas á presidencia e ás vicepresidencias. 

Para a presidencia do Consello Regulador votan os 16 vogais. O único candidato proposto para este cargo foi Jesús González, que obtivo 14 votos a favor e 2 abstencións.

Para a vicepresidencia correspondente ao sector produtor votan os 8 vogais que representan aos produtores. Houbo dous candidatos: Santiago Rego, que obtivo 2 votos; e Hermanos González Rodríguez SCG, representado por José Ramón González Rodríguez, que contou con 5 votos. Ademais, produciuse 1 abstención. 

Para a vicepresidencia correspondente ao sector industrial votan os 8 vogais que representan ás industrias e comerciais cárnicas. Só se presentou un candidato: Matadero de Carballiño SL, representado por Emilio Pedro González Iglesias, que obtivo os 8 votos.

Todo o proceso electoral e a constitución do pleno axustouse aos principios da democracia e rexeuse pola orde do DOG do 7 de novembro de 2022, pola que se convocan eleccións e se ditan normas para a renovación dos órganos de goberno de determinados consellos reguladores do ámbito agroalimentario en Galicia. 

Unha vez rematado este proceso electoral, o Consello Regulador das IXPs de Carne de Vacún de Galicia agradece o seu compromiso e vontade democrática a todos os que participaron nel. Así mesmo, nos próximos días convocarase a todos os seus membros e terá lugar a primeira reunión plenaria para comenzar a traballar a prol do sector nesta nova andaina.