As IXP únense a Artesanía de Galicia nunha xornada formativa en Granada

A cidade andaluza acolleu, desde o luns ata hoxe, a segunda edición de Materia Prima, un Encontro Profesional sobre Gastronomía e Artesanía, organizado pola Escola de Formación do Servicio Andaluz de Emprego (SAE) e o Centro de Referencia Nacional de Artesanía (CRN), Centro Albayzín; en colaboración coa Fundación Artesanía de Galicia. Un marco de diálogo e formación con profesionais da hostalaría e artesáns, no que Ternera Gallega e Vaca Galega-Boi Galego ofreceron dous seminarios sobre as carnes certificadas. 

No primeiro, o chef Héctor López, acompañado de Javier R. Ponte “Taky”, dirixiuse aos alumnos e alumnas da escola CPIFP Hurtado de Mendoza, aos que achegou o valor diferencial das IXP, a importancia da orixe e da tradición que avalan e o saber facer dos produtores galegos. Cualidades que se manifestan na carne certificada e nos seus usos gastronómicos, que López explicou a través de diferentes pezas e técnicas culinarias. Esta demostración de cociña repetiuse na segunda masterclass, á que asistiu un grupo de hostaleiros granadinos. 

Unión entre dous sectores de valor

As IXP acudiron a este encontro da man de Artesanía de Galicia e dentro da súa iniciativa Artesanía no prato, que enxalza dous sectores que conflúen en valores e obxectivos xa que a artesanía proporciona o soporte axeitado para engalanar as creacións gastronómicas. Unha conexión que se quixo transmitir nestas dúas masterclass aos futuros profesionais da cociña andaluza e aos que xa traballan na súa hostalaría. 

Durante as tres xornadas de duración de Materia Prima, tamén houbo espazo para un percorrido sensorial a través dos queixos galegos con distintivo de calidade, coa experta Salomé Beiroa; para unha merenda con Artesanía de Galicia a cargo de Taky e para outra demostración de cociña co chef do restaurante A Maceta, en Santiago, Jorge Gago.