O Consello Regulador despide con enorme tristeza ao seu secretario executivo, José Gómez Viaño
Aínda con gran conmoción e moita dor, o Consello Regulador das Indicacións Xeográficas Protexidas Ternera Gallega e Vaca Galega - Boi Galego despídese do seu secretario executivo, José Gómez Viaño. Para todos nós, Pepe, o noso compañeiro e amigo desde hai máis de trinta e cinco anos xuntos.
Unha figura clave para Ternera Gallega, á que se vinculou desde os seus inicios xunto co seu tío e fundador da entidade, Maximino Viaño, e despois con Jesús González. Licenciado en Empresariais pola Universidade de Santiago de Compostela, Pepe dedicou a súa vida profesional ao sector de vacún de carne galego desde o Consello Regulador, formando parte do desenvolvemento e progreso das dúas IXPs. A súa traxectoria estivo ligada ao traballo diario dunha entidade clave para a defensa, o control da calidade e a promoción do vacún galego, contribuíndo de xeito fundamental a colocar a carne certificada na posición de excelencia que ten actualmente en toda España.
Desde un lugar discreto e cun profundo coñecemento do sector e de todos os elos da cadea, soubo crear consensos e acadar acordos entre os diferentes ámbitos do Consello Regulador; cun carácter afable e dialogante e como un gran traballador, insubstituíble no labor do día a día e esencial na consolidación das IXPs Ternera Gallega e Vaca Galega-Boi Galego.

Unha persoa próxima e con disposición para axudar sempre, tanto ás ganderías como ás industrias e establecementos de venda, pero tamén ás compañeiras e compañeiros do noso Consello Regulador e dos consellos reguladores doutras indicacións xeográficas e denominacións de orixe ás que sempre estivo disposto a aportar a súa colaboración. Destacou pola súa visión para contribuír á mellora da comercialización do vacún de carne en Galicia, definindo a mesa de prezos da IXP Ternera Gallega e achegando transparencia e claridade ao sector. Tamén salientou pola súa posición en organismos galegos e de fóra da nosa comunidade, implicado activamente na asociación Origen España, ou en Asoprovac, sen esquecer a colaboración en reunións sectoriais promovidas polo Ministerio de Agricultura e dende a Xunta de Galicia.
Pero para nós o máis importante era telo como o noso compañeiro e amigo, que os luns nos contaba a última carreira na que participara a fin de semana ou como xogara o Obradoiro; que debatía con entusiasmo e con sentido común, tanto sobre a evolución do sector cárnico como sobre a situación social actual. Nel sempre atopabamos un consello e o seu apoio.
Desde o Consello Regulador, queremos trasladar a toda a súa familia, amigos e persoas achegadas o noso máis sincero pésame, e recoñecer e agradecerlle a súa dedicación e traballo ao longo de todos estes anos. Unha aperta tamén para toda as persoas que formamos parte de Ternera Gallega, e para todos os membros do Consello Regulador e os compañeiros da entidade; que, con moito pesar, despedimos de forma prematura e inesperada a unha persoa excepcional e entrañable coa que compartimos toda unha vida.
Intentaremos continuar co teu legado; sempre no noso recordo.