Máis de 240 profesionais de carnizaría de Froiz fórmanse con Ternera Gallega
O Consello Regulador continúa achegando o seu programa de formación sobre as carnes amparadas ás cadeas de distribución e aos establecementos con acordo de colaboración para a venda do produto certificado. No último mes e medio, o director de Promoción, Luis Vázquez, e o responsable de Puntos de Venda, José Manuel Ons, visitaron 8 centros de Froiz, tanto en Galicia como en Madrid e Castela e León, para formar a máis de 240 carniceiros e carniceiras nas cualidades diferenciais das IXP Ternera Gallega e Vaca Galega-Boi Galego.
O significado do selo de calidade ‘Indicación Xeográfica Protexida’ e a súa regulamentación foi o punto de partida do curso, co obxectivo de que estes profesionais cárnicos coñezan todo o que hai detrás del: o tipo de ganderías inscritas e os seus sistemas de crianza, as razas admitidas, a alimentación dos becerros ou os requisitos de benestar animal.
Outro dos aspectos máis destacados nos que profundizou o seminario foi no sistema de control e rastrexabilidade que o Consello Regulador aplica en todas as fases da cadea; tanto a nivel documental como directamente nas granxas sobre os animais, os alimentos que reciben ou os seus coidados; nas industrias, sobre os canais certificados ou, nos establecementos de venda, sobre a presentación e o etiquetado do produto de cara ao cliente final. Precisamente, afondar no coñecemento das características de cada categoría comercial e na importancia das súas etiquetas é un dos principais cometidos das IXP ao dirixirse aos profesionais da carnicería.
Por outra banda, este módulo formativo tamén abordou os aspectos tecnolóxicos da carne de vacún certificada -tanto de Ternera Gallega como de Vaca Galega-Boi Galego-, con cuestións técnicas como a maduración, a conservación e o envasado; ademais de explicar as cualidades organolépticas do produto amparado e as súas achegas nutricionais nunha alimentación equilibrada. Outra cuestión importante, o despezamento do canal, permitiu divulgar as pezas menos coñecidas e os seus diversos usos culinarios, co obxectivo de que o consumidor final atope no seu carniceiro ou carniceira o mellor asesor gastronómico.
Xunto a Froiz, no último ano tamén recibiron esta formación máis de 400 profesionais da carnizaria de Gadis. O Consello Regulador dirixe os seus seminarios formativos a todas as cadeas de distribución e puntos de venda interesados, ademais de a outros colectivos, como chefs, profesionais da canle Horeca ou do sector de colectividades.