Representantes de 30 países reúnense en Alicante para reforzar a cooperación internacional das Indicacións Xeográficas
O Consello Regulador asiste este xoves e venres a un encontro internacional, organizado por Origen España e oirGIn (Organización para unha Rede Internacional de Indicacións Xeográficas) en Alicante e en colaboración coa EUIPO (Oficina de Propiedade Intelectual da UE). Unha cita na que 600 persoas - representantes das IXP e DOP, de organizacións de produtores e de oficinas de propiedade intelectual procedentes de 30 países - comparten experiencias e afondan en novas iniciativas para fortalecer os selos alimentarios de calidade.
Inauguraron as conferencias o director executivo da EUIPO, João Negrão; o presidente de oriGIn, Ricardo Deserti; o presidente de Origen España, Ángel Pacheco; e o exministro de Agricultura de Italia e exdeputado do Parlamento Europeo, Paolo De Castro. Negrão puxo en valor o potencial das Indicacións Xeográficas para xerar emprego e contribuír ao desenvolvemento das comunidades locais.
Pola súa parte, Pacheco destacou “as miles de familias que traballan nas zonas rurais para preservar un modelo de produción tradicional. Ter esta actividade económica neses territorios, crear emprego neles, fixar poboación e chegar aos mercados con produtos de calidade non ten prezo". Dos retos falou o presidente de oriGIn, Ricardo Deserti, mencionando a sostibilidade, o cambio climático e a rendibilidade das explotacións.
Paolo De Castro deu o relatorio principal da apertura, no que distinguiu as Indicacións Xeográficas “como unha gran ferramenta para a cooperación internacional, que permite aos agricultores e gandeiros traballar xunto as comunidades locais, promover a cultura da súa rexión de orixe e garantir o desenvolvemento sostible".
Mesas de debate
As diferentes mesas de debate da primeira xornada deste Encontro trataron cuestións como o intercambio de coñecementos entre produtores, a sostibilidade e as oportunidades que ofrecen as Indicacións Xeográficas para manter a actividade económica e o emprego no rural.
Tamén se puxo o foco no valor da cooperación internacional, no impacto dos proxectos realizados durante os últimos 20 anos e como esta experiencia pode contribuír a abordar os retos que afrontan as IXP e as organizacións de produtores. O cambio climático, o despoboamento rural, a falta de remuda xeracional e o descoñecemento dos consumidores foron algúns dos desafíos sinalados polos participantes.
Ademais, falaron da importancia de incorporar a tecnoloxía a distintos procesos, como o control de calidade, para facer máis atractivo o sector para os mozos e mozas, facilitar o labor das IXP e DOP e ofrecer unha maior garantía da excelencia aos consumidores.
O encontro tamén quixo dar un papel destacado aos produtores, promovendo o reforzo do diálogo coas institucións para lograr unha maior protección no mercado.
Origen España
Antes deste encontro internacional, o mércores, a asociación Origen España celebrou a súa Asemblea Xeral e debateu os temas de actualidade que afectan ás IXP e DOP; ao tempo que abordou futuras liñas de traballo conxunto.