Ternera Gallega amosa as súas cualidades organolépticas no Gastronomic Forum Barcelona

A IXP acudiu unha edición máis ao Gastronomic Forum Barcelona, que se celebrou esta semana, para divulgar entre os profesionais da cociña e da hostalaría o valor engadido que achega a carne certificada. No stand da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, o público visitante puido asistir a un showcooking de Ternera Gallega e descubrir a súa versatilidade e o sabor e moleza que a distinguen no mercado.

O cociñeiro Ángel Parada encargouse de amosar estas características diferenciais a través de varias preparacións, nun percorrido gastronómico desde receitas rápidas ou coa carne en cru ata pratos de máis tempo de cocción e potencia de sabor. A moleza da carne certificada quedou patente nun tartar e un tataky elaborados coa croca.

Pezas pouco coñecidas, mesmo entre os profesionais cárnicos, como a tapa da pa tamén destacaron pola súa zumarencia ao facelas á grella, sen máis aderezo que o sal. Este tipo de preparación serviu para afondar nas técnicas de cociña que permiten aflorar a calidade do produto, como o temperado, o selado ou o repouso e o trinchado. 

Como broche final, no capítulo de guisos, un pulled beef servido en brioche. Con esta variedade de propostas, a IXP ten por obxectivo divulgar entre os profesionais da restauración e da hostalaría o aproveitamento de todo o canal; cambiando a antiga crenza de que hai pezas de primeira e de segunda categoría pola idea de que cada corte ten o seu uso culinario. 

O Gastronomic Forum Barcelona é unha cita de referencia para chefs, produtores, distribuidores e profesionais da canle Horeca, na que comparten coñecemento e descobren tendencias e novidades culinarias. Nesta edición, na que estreou localización no recinto Gran Vía de Fira Barcelona, recibiu 22.000 visitantes.