A IXP apoiou a Noite Solidaria contra o Cancro
Unhas 250 persoas, entre representantes institucionais, empresariais e cidadáns, compartiron menú no Museo Centro Gaiás, na Cidade da Cultura, para recadar fondos para a loita contra o cancro e para mellorar a asistencia aos pacientes, no marco da Noite Solidaria contra o Cancro. Unha cita que botou man da calidade alimentaria galega e de grandes referentes da nosa cociña para poñer o foco no labor que desenvolve a Asociación Española Contra o Cancro e na importancia da detección precoz e da investigación.
A IXP Ternera Gallega achegou produto certificado para ofrecer varias propostas gastronómicas durante a noite. O chef Héctor López elaborou un sabu sabu de rosbif de redondo de Ternera Gallega Suprema cun dobre caldo concentrado a base de culata de contra. Tamén serviu unha croqueta líquida que preparou co centro da faldra, tamén de Suprema. Ademais, o menú degustación incluíu un xarrete guisado de Ternera Gallega.
Xunto a Héctor López, tamén participaron neste evento solidario outros cociñeiros e cociñeiras, como Javier R. Ponte “Taky”; Begoña Vázquez, de O Regueiro da Cova; Álvaro Vilasante, do restaurante Paprica; Ángel Parada, de Remollo; Gerson Iglesias, de Cociña Ourense, ou Beatriz Alcalá, de La Zapatería del Abuelo. Todos eles traballaron con produtos con selo IXP e DOP, ecolóxicos ou de Artesanía Alimentaria para ofrecer unha degustación de alto nivel.
Organizada pola AECC, en colaboración coa Axencia Galega da Calidade Alimentaria e a Consellería do Mar, os fondos recadados nesta cea destinaranse a apoiar os servizos de asistencia gratuítos que a Asociación ofrece a pacientes e familiares e á investigación e prevención contra o cancro.