Nova degustación da carne certificada para os consumidores
A Indicación Xeográfica Protexida traballa en colaboración cos puntos de venda con acordo para achegar o produto amparado aos seus clientes. Un contacto directo co consumidor final, que permite explicarlle as cualidades diferenciais de Ternera Gallega, as características das súas categorías comerciais e as garantías de orixe e calidade que implica o selo IXP.
Así aconteceu este venres en Ferrol, onde decenas de consumidores puideron asistir a un punto de degustación de Ternera Gallega Suprema, no que o chef José Manuel Mallón lles ofreceu diferentes opcións culinarias, con pezas variadas, para demostrar a versatilidade da carne certificada. Explicoulles os cortes máis axeitados segundo a preparación desexada, desde os indicados para pratos rápidos á prancha ata os que requiren máis tempo de cocción para guisos ou estufados.
Ademais, abordou as técnicas e consellos de cociñado para resaltar a moleza e a zumarencia propias de Ternera Gallega, polo que tratou conceptos como a maduración ou o temperado. Tamén respondeu ás preguntas típicas á hora de cociñar a carne de vacún: desde cando debemos botar o sal ou como dourar ben á prancha ata en que sentido debemos trinchar.
Como ideas para trasladar ás nosas cociñas, Mallón serviu un tataky da lonxa, a picaña e a punta da croca á prancha e un xarrete guisado a baixa temperatura.
Nestes encontros directos cos consumidores, a IXP busca tamén afondar no coñecemento das etiquetas que acompañan o produto amparado; co fin de que o cliente final saiba diferenciar as categorías comerciais e recoñecer a carne certificada polo seu etiquetado e os logotipos correspondentes, que permiten distinguila doutras carnes sen orixe nin garantías de calidade.