O vacún de carne galego pechou o 2025 cunha notable mellora da rendibilidade impulsada polos elevados prezos

 • Un estudo realizado en 17 explotacións da IXP Ternera Gallega revela que a marxe económica media acadou os 27.656 euros por granxa, fronte aos 2.665 euros do 2024.
 • No 2026, a caída das cotizacións e as presións sobre os custos de produción ameazan con reducir as marxes acadadas no exercicio anterior.
 • As axudas da PAC resultan fundamentais para a viabilidade das explotacións familiares, cun papel esencial na conservación da paisaxe e na prevención dos incendios forestais.

O Grupo Operativo Rede Galega de Granxas Modelo presentou hoxe, na sede do Consello Regulador das IXPs Ternera Gallega e Vaca Galega-Boi Galego, os resultados dun estudo elaborado pola Fundación Juana de Vega sobre os custos de produción do vacún de carne en Galicia durante o 2025. O traballo constata unha mellora notable da rendibilidade das explotacións, impulsada pola forte revalorización dos animais, pero tamén advirte da vulnerabilidade desta recuperación ante a caída dos prezos e as presións sobre os custos de produción que está experimentando o sector no 2026.

O informe, o terceiro elaborado no marco deste Grupo Operativo, baséase nos datos de 17 explotacións familiares de vacas nutrices, cun rabaño medio de 54 vacas, 62 hectáreas de superficie agraria útil e unha produción anual equivalente a 11.123 kg en canal. Trátase de granxas nas que os becerros nacen, se crían e se ceban na propia explotación baixo a categoría comercial Ternera Gallega Suprema, dentro da Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega.

Un ano excepcional para a rendibilidade

O estudo revela que os ingresos medios das explotacións acadaron no 2025 os 110.572 euros anuais, fronte a uns custos de produción de 82.916 euros, incluíndo a remuneración imputada ao traballo das persoas propietarias. Isto deixou unha marxe económica de 27.656 euros por explotación, fronte aos 2.665 euros rexistrados no 2024.

Expresado por quilogramo comercializado, o custo de produción situouse en 7,45 €/kg e os ingresos totais, incluídas as subvencións, en 9,94 €/kg, cunha marxe de 2,49 €/kg, fronte aos 0,25 €/kg do ano anterior. A principal explicación desta mellora foi a suba dos prezos dos becerros, cuxo prezo medio percibido polas granxas pasou de 5,97 €/kg canal no 2024 a 7,29 €/kg no 2025, un incremento do 22 %, segundo os datos que se derivan do estudo feito pola Fundación Juana de Vega.

A renda dispoñible, antes de imputar o salario das persoas propietarias, ascendeu a 54.567 euros anuais por explotación. Con todo, as subvencións recorrentes da PAC, cunha media de 30.352 euros por granxa, seguen sendo fundamentais para a viabilidade económica, xa que os ingresos procedentes da venda dos animais aínda non permiten cubrir a totalidade dos custos de produción, incluída unha remuneración adecuada do traballo familiar.

A caída dos prezos e o aumento dos custos ameazan as marxes no 2026

A favorable situación do 2025 contrasta coa evolución do mercado durante o 2026, no que os datos oficiais e as cotizacións de diferentes lonxas amosan unha corrección dos prezos do vacún de carne, aínda que de distinta intensidade segundo as categorías dos animais. Segundo o informe trimestral de setembro do 2026 do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, a cotización nacional da tenreira rexistrou un descenso interanual do 4 %, mentres que na categoría de anellos a caída alcanzou o 13 %. Esta tendencia tamén se observa noutras lonxas españolas, como a de Binéfar (Huesca), onde determinadas categorías de machos de vacún de carne acumulan descensos interanuais de entre o 13 % e o 15 % en outubro do 2026. 

A corrección dos prezos prodúcese nun contexto de debilidade da demanda interna e forte caída das exportacións de animais vivos. Segundo os datos do MAPA, o consumo de carne fresca de vacún nos fogares españois diminuíu un 10,2 % no primeiro semestre do 2026, mentres que as exportacións de bovinos vivos diminuíron un 64 % en volume. Pola contra, a produción de carne mantívose relativamente estable, o que apunta á debilidade da demanda como un dos factores que están premendo os prezos á baixa.

A esta situación súmanse as tensións nos mercados enerxéticos e de materias primas derivadas do contexto xeopolítico internacional, especialmente do conflito en Oriente Medio, que introducen novas presións sobre os custos dos combustibles, o transporte, os fertilizantes e a alimentación animal. A estes factores engádense os efectos da seca, que reduciu a dispoñibilidade de pastos e forraxes nas explotacións afectadas e obriga a incrementar a compra de alimentos para o gando, co conseguinte aumento dos custos de produción.

A combinación da caída dos prezos de venda e das novas presións á alza sobre os custos de produción ameaza con reducir significativamente as marxes económicas das explotacións durante o 2026, poñendo en risco parte da mellora conseguida no exercicio anterior. Esta situación resulta especialmente preocupante nun modelo produtivo no que a alimentación representa case o 39 % dos custos totais.

O Estudo de custos para o vacún de carne do 2025 pode descargarse na web do proxecto, como o dos anos anteriores.

Nesta ligazón pode verse o vídeo resumo do Grupo Operativo Rede Galega de Granxas Modelo

Mellorar a eficiencia e garantir o futuro do sector

Ademais dos resultados económicos, o estudo identifica importantes oportunidades para mellorar a eficiencia produtiva mediante a xestión e o manexo dos rabaños. As explotacións analizadas rexistraron un índice de fertilidade do 81 %, un intervalo medio entre partos de 418 días e unha mortalidade dos becerros próxima ao 11 %, concentrada principalmente no momento do parto e nas primeiras semanas de vida. A mellora da eficiencia reprodutiva e a redución da mortalidade permitirían aumentar o número de becerros comercializados por vaca, aproveitando mellor os recursos das explotacións e contribuíndo a reducir os custos de produción por quilogramo de carne.

Estes resultados reforzan a importancia do traballo desenvolvido polo Grupo Operativo Rede Galega de Granxas Modelo, impulsado pola Fundación Juana de Vega, o Consello Regulador das IXPs Ternera Gallega e Vaca Galega-Boi Galego e a Cooperativa A Carqueixa, coa colaboración do CIAM-AGACAL, para dotar ás explotacións de ferramentas de análise técnico-económica que faciliten a toma de decisións e a mellora da súa competitividade.

Garantir a rendibilidade destas ganderías resulta fundamental para asegurar o relevo xeracional e manter a súa contribución á economía rural, á conservación da paisaxe agraria e á prevención dos incendios forestais. En Galicia, o conxunto das explotacións de vacún de carne xestiona máis de 200.000 hectáreas de superficie agraria útil, polo que a súa continuidade resulta esencial para o mantemento da actividade produtiva e da xestión territorial en amplas zonas do rural galego.