Setecentas explotacións inscritas recibirán as axudas aos gastos de marcaxe

No caso da IXP Ternera Gallega, 364 gandeiros e gandeiras beneficiaranse das achegas aos gastos de marcaxe, correspondentes ás solicitudes de axuda presentadas o pasado mes de maio para as novas incorporacións aos selos de calidade. En Vaca Galega-Boi Galego, son 339 os titulares que recibirán a subvención. O importe total concedido, entre ambas Denominacións, alcanza os 98000 euros.

Así o publica hoxe o DOG na resolución destas axudas. Agora, os beneficiarios teñen ata o 20 de novembro para presentar, a través do procedemento MR362A da sede electrónica da Xunta, a documentación requirida: a xustificación do gasto (facturas e xustificantes bancarios) e a solicitude do pagamento (anexo VI).

Acceso ás facturas dos inscritos

Aqueles produtores inscritos que conten con acceso online á área privada das webs de cada IXP teñen as súas facturas dispoñibles neste espazo. Os que aínda non teñan este servizo dixital poden solicitalo a través dos teléfonos habituais do Consello Regulador, proporcionando un correo electrónico de contacto, onde recibirán as instrucións para darse de alta.

Tanto desde a web como desde a aplicación móbil ‘Ternera Gallega Explotacións’, poden deixar os avisos de marcaxe, consultar os xa dados, acceder á Mesa de Prezos e ver os pesos dos seus canais certificados. A descarga das facturas só é posible desde a versión web.

Axudas aos novos produtores

Estas subvencións diríxense anualmente ás novas incorporacións nos réximes de calidade, podendo recibilas as persoas ou grupos de persoas físicas ou xurídicas que se incorporaran nos últimos 5 anos e que tiveran uns gastos de marcaxe superiores a 50 euros. O período a subvencionar comprendía entre o 1 de maio do 2025 e o 30 de abril deste ano. Cobren o 100 % dos gastos realizados, sen superar os 3.000 euros por explotación.

Ademais das 700 ganderías de Ternera Gallega e de Vaca Galega-Boi Galego, tamén resultaron beneficiarios 224 titulares inscritos no CRAEGA, 22 produtores da IXP Mel de Galicia, 2 da DO Ribeiro e outros 2 da DO Monterrei.