Dúas gandeiras inscritas reivindican o seu papel no Día das Mulleres Rurais
Figuras clave no campo desde sempre, pero invisibles ata hai pouco. Así reivindicou o papel das mulleres a enxeñeira e gandeira de Ternera Gallega, Lidia Díaz, no Foro organizado por La Voz de Galicia con motivo do Día das Mulleres Rurais. Destacou que “as mulleres sempre estiveron aí, pero na invisibilidade, e agora son motor de modernización”, pasando de achegar unha axuda familiar dentro da explotación a ser propietarias e xestoras.
Un cambio que reivindica con orgullo, dixo, pero tamén con certa rabia xa que, como sinalou, “as mulleres sempre temos que demostrar máis ca un home para que nos tomen serio”. Formada como enxeñeira agrónoma e responsable da gandería familiar en Abadín, Díaz tamén reivindicou que as mulleres “contribúen agora coa súa preparación e unha visión técnica da xestión”, traballando con datos reais. Nesa liña, puxo en valor o Grupo Operativo Granxas Modelo, no que colaboran Ternera Gallega e a Fundación Juana de Vega, para analizar custos e beneficios e poder tomar decisións en base a cifras concretas.
Como complexidades no seu traballo, Lidia Díaz destacou a dependencia dos custos dos insumos, tanto os pensos como os combustibles. E puxo sobre a mesa a falta de man de obra ou a excesiva burocracia que afecta ás ganderías.
Cuestións que tamén compartiron as súas compañeiras de debate, a membro do Consello Reitor de Caixa Rural Galega, María del Carmen López, a alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, e profesora e concelleira de A Fonsagrada, Teresa Fernández. Entre todas subliñaron a necesidade de bos servizos no rural, unha rede de contactos entre mulleres e acompañamento para compartir experiencias e avanzar nas súas empresas, ademais da corresponsabilidade cos homes nos coidados e na conciliación familiar.
Lucía Casal, a divulgación positiva do rural
Ademais de Lidia Díaz, outra das voces deste Día das Mulleres Rurais foi Lucía Casal, tamén gandeira inscrita en Ternera Gallega e coñecida -e premiada- nas redes sociais pola divulgación do seu día a día no campo. Noutro espazo de debate organizado igualmente por La Voz de Galicia, Casal destacou que, aínda que quedan moitos retos por abordar, tamén se avanzou posto que “cada vez máis mulleres están motivadas a quedar no rural”. Sinalou que na EFA de Fonteboa, onde ela estudou, había tantas mulleres como homes, xa que “o traballo non ten xénero, é para quen o queira facer”. E apostou pola formación para avanzar na modernización do sector.
Ademais de continuar xunto co seu pai na gandería familiar en Melide, Lucía Casal tamén conta cunha empresa de maquinaria agrícola e quere sacar adiante unha nave de destete. Ao igual que no caso de Lidia Díaz, Casal tamén fixo fincapé nas complicacións da burocracia administrativa e bancaria e reclamou “máis apoios ao emprendemento e a posibilidade de contactar con outras persoas para coñecer as súas experiencias”. Aínda así, reivindica transmitir unha visión máis positiva do rural, onde asegura que hai moitas oportunidades.
Casal compartiu esta charla coa secretaria e directora de proxectos de Fademur, Rosa Arcos, a psicóloga de Femupo, Almudena Álvarez, e a CEO de MBConsultoría e Proxectos, María Buceta. As catro puxeron en valor as redes que crean as mulleres para poñer en marcha os seus proxectos e para axudarse entre elas.