Carniceiros alemáns coñecen Ternera Gallega nunha nova misión comercial inversa

O Consello Regulador recibiu a visita dun grupo de retallistas alemáns procedentes de tres carnicerías diferentes (con cinco puntos de venda en total), das localidades de Jülich, Erkelenz e Herrenberg. Cunha axenda de traballo de 3 días, esta nova misión comercial inversa permitiu amosarlles de onde xorde a calidade da carne certificada e explicarlles o programa de control desde as ganderías e as comerciais ata os puntos de venda. 

Para achegarse ao traballo dos produtores e produtoras inscritos e coñecer o labor dos inspectores da IXP, a primeira parada deste grupo de carniceiros foi nunha gandería de Ternera Gallega Suprema, onde puideron ver o tipo de animais e razas admitidos, o seu manexo e alimentación. Tamén comprobaron como se certifica a orixe e a idade dos tenreiros, o seu benestar animal e a lactancia materna ata os 7 meses. 

Na seguinte fase da cadea, visitaron unha industria inscrita para coñecer de preto o seguimento de rastrexabilidade do produto amparado: o correcto certificado dos canais e a etiquetaxe da carne que chega aos puntos de venda. 

Ampliar a comercialización

As misións comerciais inversas que organiza o Consello Regulador tamén ofrecen formación práctica culinaria co fin de que os participantes aprecien a versatilidade da carne certificada e os seus diferentes usos culinarios, tanto das pezas máis habituais como doutras menos coñecidas, incluso polos propios profesionais cárnicos. 

O grupo asistiu a unha demostración culinaria de cortes alternativos para promover un aproveitamento integral de todo o canal e desbotar a diferenciación entre pezas de primeira ou de segunda categoría. O cociñeiro José Manuel Mallón explicoulles técnicas e consellos para o tratamento destes cortes singulares, como a tapa da pa ou a bavette, entre outros.

Con este tipo de accións promocionais, a IXP achega todo o que hai detrás do nome de Ternera Gallega a un público profesional internacional e incrementa as opcións de comercialización das industrias inscritas.