San Sebastián Gastronomika acolle unha demostración culinaria da IXP Ternera Gallega

A Indicación Xeográfica Protexida regresou, un ano máis, ao Congreso de cociña San Sebastián Gastronomika, que viviu a súa 28ª edición entre o 5 e o 7 de outubro. Desde o stand da Xunta, Ternera Gallega achegou ao público asistente a versatilidade e a calidade da carne certificada, poñendo en valor os selos e a certificación que a distinguen no mercado.

A IXP ofreceu unha demostración gastronómica dirixida polo cociñeiro Héctor López, do Restaurante España, en Lugo; quen lle cedeu o protagonismo á categoría Ternera Gallega Suprema, a carne procedente de animais menores de 10 meses, que se alimentan do leite materno como mínimo ata os 7.

Con este produto de máxima calidade e moleza, López preparou un menú amplo e moi variado co fin de demostrar as infinitas posibilidades culinarias da carne certificada. Co redondo, cociñou un rosbif tradicional, que serviu de forma máis fresca e orixinal coma un friame. Mentres que coa croca presentou un tartar moi aromático e lixeiro. 

Na prancha, optou pola tapa da pa e pola punta da croca, coas que amosou a zumarencia, a moleza e o sabor do produto amparado sen máis aderezo que feito volta e volta. Moito sabor tamén no último prato: un ravioli de guiso de xarrete.

San Sebastian Gastronomika é un gran escaparate para a carne certificada, permitindo divulgar entre o sector da hostalaría e da cociña as cualidades diferenciais que achega a IXP e incidir na importancia das etiquetas e certificados de garantía que identifican o produto.