O Saviñao celebrou a Festa da Vendima coa carne certificada
Este domingo a Ribeira Sacra culminou a quinta edición da súa Festa da Vendima, en O Saviñao, cunha xornada de experiencias e actividades que pechou toda unha semana de celebracións arredor da cultura do viño e das súas tradicións. Ternera Gallega participou, un ano máis, dos festexos ofrecendo dúas demostracións culinarias no stand da Consellería do Medio Rural.
Nesta ocasión, o encargado de achegar a veciños e visitantes a calidade e o sabor da carne certificada foi o cociñeiro Martín Mantilla, do restaurante Berso, en Sober; que pronto cumprirá un ano desde que recibiu o recoñecemento como local recomendado na guía Michelín. As cualidades organolépticas de Ternera Gallega demostráronse a través de diferentes propostas culinarias con pezas moi variadas: desde a croca e o redondo ata o xarrete.
Mantilla preparou un tartar de croca con mazá verde, crema de queixo DOP San Simón da Costa e pan de Cea IXP. Continuou co rosbif de redondo, que acompañou de puré de cebola vermella, labras de espárrago verde e queixo DOP Arzúa-Ulloa. O prato final foi un brioche de xarrete ao viño tinto da DO Ribeira Sacra, con emulsión de castaña, loureiro e allo asado e con boletus. O toque doce púxoo un cremoso da DOP Queixo Tetilla con mazá e Mel de Galicia IXP.
Xunto a Ternera Gallega, o programa de actividades da Axencia Galega da Calidade Alimentaria tamén incluíu este domingo, da man do sommelier Alejandro Paadín, degustacións de viños da DO Ribeira Sacra e dos queixos galegos premiados nas Catas de Galicia 2025.
A V Festa da Vendima propuxo unha semana enteira de actividades para valorizar a vitivinicultura da zona e a súa conexión co territorio. Cine, concertos, charlas, artesanía e talleres completaron as celebracións centrais da fin de semana, que acolleron a tradicional bendición de uvas e campos ou a pisa oficial da uva.