O CTC investiga pratos preparados con Ternera Gallega Suprema Ecolóxica

Co obxectivo de adaptarse ás demandas actuais das e dos consumidores, o Centro Tecnolóxico da Carne traballa en diferentes proxectos de investigación para desenvolver pratos de cuarta e quinta gama a partir de pezas de Ternera Gallega Suprema Ecolóxica. Iniciativas impulsadas pola Consellería do Medio Rural, co fin de lograr un aproveitamento completo de todo o canal. 

No caso da cuarta gama, é dicir, carnes crúas envasadas e listas para cociñar, o CTC está investigando en produtos como as burger meat sen glute e as hamburguesas. Mentres que o outro proxecto, a quinta gama de carnes xa cociñadas e preparadas para quentar e consumir, céntrase en pratos como os callos con e sen garavanzos, as albóndegas, a salsa boloñesa ou o guiso de carne.

Nos dous casos, as investigacións realízanse con pezas de menor demanda ou máis descoñecidas para poder facilitar a súa comercialización; respondendo tamén á necesidade de ofrecer alimentos sostibles, de proximidade e con garantías de rastrexabilidade. O Centro Tecnolóxico da Carne, adscrito á Consellería, conta con laboratorios e unha planta piloto para analizar estes novos produtos e testar procesos en beneficio do sector cárnico. 

Na actualidade, 220 explotacións inscritas na IXP producen carne de Ternera Gallega Suprema Ecolóxica, que o Consello Regulador lanzou ao mercado hai 2 anos para atender os consumidores que buscan alimentos producidos baixo estándares ecolóxicos. A carne certificada nesta categoría comercial identifícase pola súa etiqueta de cor verde. Procede de animais de Ternera Gallega Suprema - polo que teñen menos de 10 meses e aliméntanse do leite materno como mínimo ata os 7 – e cumpre tamén cos criterios de crianza e alimentación do CRAEGA. Así, chega ao punto de venda coa dobre certificación.