Ternera Gallega Suprema – Carne de Rubia Galega, na Volta ciclista

A carne certificada recorre un ano máis o trazado da Volta ciclista, que arrancou o 22 de agosto en Mónaco e rematará o 13 de setembro en Granada. Como en cada edición, a IXP vai estar presente nas 21 etapas da carreira, ofrecendo unha degustación en cada unha delas, en colaboración coa Asociación Provincial de Hostalaría de Lugo e con Acruga. 

O produto é da categoría comercial Ternera Gallega Suprema – Carne de Rubia Galega, polo que procede de animais de menos de 10 meses, que se alimentaron do leite materno como mínimo ata os sete, e que, ademais, pertencen unicamente á raza Rubia Galega.

Unha carne certificada pola IXP que o público asistente á Volta ciclista está podendo degustar en diferentes preparacións e tipos de pezas, desde o corte redondo, a contra e a febra miúda ata o xarrete, a croca ou a folla branda.

Trátase dunha grande oportunidade para a promoción da calidade e da versatilidade da carne certificada; tanto en diferentes zonas de España - xa que a carreira visita Cataluña, Aragón, Castela A Mancha, Comunidade Valenciana e Andalucía – como en Francia, Mónaco e Andorra, por onde tamén pasa a proba.