Becerreá festexa a calidade do vacún galego certificado

Nova edición da Festa de Ternera Gallega de Becerreá, que xa suma 19 anos poñendo en valor a carne amparada pola IXP. O pasado sábado, 8 de agosto, arredor de 900 asistentes puideron gozar dunha noite de verán cunha churrascada popular, para a que se prepararon 450 quilos de produto. Xunto co Concello, Ternera Gallega participa neste evento anual coa achega da carne e de receitarios para o público. 

A cea comezou ás 21:30 horas, pero xa pola tarde as celebracións iniciáronse co pasacalles da charanga DGT. A xornada tamén estivo amenizada cunha demostración de olaría de Buño e, desde medianoite, coa verbena a cargo do dúo Alma Nova.

Becerreá é un concello de gran tradición gandeira, que conta con preto de 160 explotacións inscritas na IXP. Xunto coas dos concellos limítrofes, suman máis de 700 ganderías que producen carne amparada nesta zona da provincia de Lugo.