O programa Agrosfera visita as ganderías inscritas na Fonsagrada

As explotacións da IXP Ternera Gallega e a carne certificada forman parte da última edición de Agrosfera, o histórico espazo semanal de RTVE dedicado ao sector primario e ao medio rural. O programa visitou A Fonsagrada, onde o vacún de carne se sitúa como principal actividade produtiva, para coñecer o traballo dos gandeiros e gandeiras inscritos, apreciar as cualidades distintivas do produto amparado e descubrir as posibilidades de turismo rural que ofrece a zona. 

Desde Xestoxo, Marcos López explicou como cría e alimenta os seus animais de Rubia Galega, dentro da categoría Ternera Gallega Suprema; en base á lactancia materna, o pasto ou a herba seca e os concentrados de cereais. Como conta no programa, Marcos é un gandeiro de terceira xeración, inscrito na IXP desde 1990 e incorporado, ademais, a Vaca Galega-Boi Galego.

Tamén desde os inicios de Ternera Gallega está inscrita a gandería de Alicia López, que fusiona a crianza dos seus tenreiros co turismo rural na Casa do Cabo, na Veiga de Logares. Os alpendres da casa tradicional labrega convertéronse hai dúas décadas en aloxamento para os visitantes que queren gozar da reserva da Biosfera do Río Eo, Oscos e Terras de Burón.

Do campo ao prato

Despois de achegarse ás explotacións inscritas, Agrosfera pasou á cociña, para probar a carne certificada e saber máis sobre as súas posibilidades culinarias. A proposta do chef optou por unha tapa da pa (llana) de Ternera Gallega Suprema guisada con verduras, á que seguiu o pastel típico da Fonsagrada.

O programa tamén visitou outros puntos destacados do concello, como o Museo Comarcal ou o Centro Cultural Forges, coñeceu os artesáns da zona e recorreu a súa natureza desde a Fervenza Seimeira de Vilagocende e a través das rutas a cabalo que ofrece Equusfera.