A campaña de promoción dixital da IXP rozou os 25 millóns de impactos

O Consello Regulador puxo en marcha unha campaña de publicidade online de Ternera Gallega Suprema que logrou máis de 24 millóns de impactos e case 20 millóns de impresións. Realizouse en diferentes medios, como as redes sociais, a televisión conectada ou as principais plataformas de audio e vídeo; onde os anuncios da IXP se amosaron en diversos formatos, tanto banners como spots ou cuñas de radio. A segmentación que posibilitan as campañas dixitais permitiu achegarse ao público obxectivo, os responsables de compra do fogar, nas zonas de maior interese comercial para a IXP: Galicia, Madrid, Cataluña, País Vasco, Baleares ou Comunidade Valenciana. 

A maior parte das impresións logradas (máis de 8 millóns) rexistrouse en Instagram e Facebook. Tamén os anuncios en Youtube alcanzaron grandes resultados, con preto de 5 millóns de impresións e cunha presenza destacada en dispositivos Smart TV, onde a atención por parte dos usuarios é maior. 

A publicidade programática levou o contido promocional sobre Ternera Gallega Suprema a diferentes medios, como os xornais El País, La Voz de Galicia, El Mundo ou El Español, e os deportivos As, Mundo deportivo ou Marca, entre outros. Unha presenza que logrou 5 millóns de impresións. 

No ámbito do audio dixital, a estratexia pasou por maximizar a cobertura da campaña; que se despregou en Spotify, igual que o ano pasado, e que se ampliou, como novidade, tamén a Ivoox para ter presenza no entorno dos podcasts. Ambas plataformas achéganse ao público nun contexto de alta afinidade e de consumo individual con elevada atención. 

Os spots da IXP tamén se emitiron a través da televisión conectada en Atresmedia, Mediaset e Disney+; en emprazamentos con audiencias destacadas, como os programas ‘Tu cara me suena’ ou ‘La isla de las tentaciones’ e series como ‘Sueños de libertad’, ‘La que se avecina’ ou ‘Anatomía de Grey’. 

Outras accións publicitarias online

A IXP tamén está a realizar unha campaña promocional con 12 microcreadores de contido en Instagram, que comparten nos seus reels propostas de receitas coa carne certificada, tanto Ternera Gallega como Ternera Gallega Suprema; destacando as principais cualidades do produto e amosando aos seus seguidores os logotipos e etiquetas correspondentes. Deste xeito, a IXP alcanza novos públicos de toda España, mediante influencers moi achegados aos seus seguidores, con ideas sinxelas e caseiras para a cociña do día a día.

Ademais, da man dos mellores cociñeiros galegos, Ternera Gallega estreou en maio novos contidos audiovisuais e ideas culinarias, que tamén se están a divulgar mediante unha campaña publicitaria nas redes sociais para incrementar a súa cobertura.