O 2025 foi un ano de contrastes e bos prezos no campo
No ámbito da produción da IXP Ternera Gallega, o número de animais identificados rexistrou no 2025 un pequeno incremento ata acadar un total de 132.617 tenreiros, a pesar da diminución do número de explotacións con actividade. A media de idade elevada e a falla de remuda xeracional estanse a notar nos censos de gandarías e cebadeiros. O ano pasado, o número de explotacións inscritas na IXP reduciuse ata 7.554 (cando fai só tres anos superaban as oito mil). Como contrapartida, hai un certo redimensionamento das gandarías tradicionais, xa que o censo de animais identificados creceu lixeiramente.
En cambio, o número de canais certificadas baixo o amparo da IXP diminuíu de xeito significativo ata sumar 89.718 unidades. Esta cifra, aínda sendo moi considerable, está claramente por debaixo dos datos do ano 2024, cando se superaron as cen mil canais.
As cifras de actividade da IXP no 2025 deben valorarse nun contexto marcado pola escaseza de animais cebados en España e en Europa debido a diversas causas, como a redución dos censos polas enfermidades do gando bovino (sobre todo a EHE e a lingua azul), a saída de becerros pasteiros para cebar en explotacións de fóra de Galicia e, sobre todo, o comercio de canais e de animais vivos para os mercados do norte de África (Alxeria e Marrocos). Ante esta situación, producíronse importantes desequilibrios entre a oferta e a demanda, ata chegar a provocar turbulencias no sector e un certo desabastecemento de Ternera Gallega nos mercados habituais da IXP.
O 2025 tamén foi un ano no que a Denominación perdeu máis de 200 establecementos de venda en toda España, principalmente pola escaseza de animais e de carne certificada para podelos atender, co agravante de que esa perda de mercado pode ser prexudicial de cara ao futuro, cando a oferta e a demanda se estabilicen e os prezos se normalicen.
Como contrapartida, esa escaseza de animais cebados provocou unha rápida e forte suba dos prezos no campo ata acadar valores que se poden considerar de récord, chegando a superar con creces os 8 € por quilo canal. Foron excelentes datos para todo sector produtor, que derivaron nunha cifra de negocio arredor de 173 millóns de euros, en primeira venda, no marco da IXP Ternera Gallega.
Estes bos prezos no campo tamén se foron trasladando ás demais fases da cadea produtiva e comercial, dando lugar a subas progresivas da carne de tenreira nas carnicerías e supermercados, que pouco a pouco acabaron por afectar negativamente ao consumo. As consecuencias do retraemento do consumo e da perda dalgúns mercados habituais da IXP xa se está a notar no ano 2026.
A pesares de todos estes contrastes e desequilibrios, a Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega segue a liderar o sector de vacún de carne de tenreira a nivel estatal, supoñendo case un 60 % da carne que se comercializa con selo de calidade en toda España. A Denominación continúa sendo un garante, tanto para a saída comercial dos animais como para darlle seguridade aos consumidores, que sen lugar a dúbidas recoñecen e valoran positivamente a calidade da carne amparada pola IXP.
A IXP Vaca Galega-Boi Galego segue a crecer no campo e na certificación
No 2025, aumentou en máis de 300 o número de explotacións inscritas na IXP Vaca Galega-Boi Galego, ata acadar as 1.783, que supoñen a cifra máis alta desde os comezos desta Denominación no 2017. Un dato que tamén se traduciu favorablemente no número de animais amparados, que acadou os 8.790, máis do triplo que no exercicio anterior.
Tendo en conta que os animais de vacún maior saen ao mercado con máis anos, estas alzas no campo apenas se notaron no número de canais certificadas, que se mantivo similar ao do ano 2024, con 498. En cambio, creceu máis dun 6 % a carne certificada pola IXP, ata superar as 245 toneladas. Nesa liña, a cifra de negocio alcanzou os 1,6 millóns de euros, grazas tamén aos bos prezos desta carne actualmente no mercado, sendo a cifra máis alta na historia da IXP Vaca Galega-Boi Galego.
As industrias e comerciais inscritas son 32, a maioría das que operan en Galicia no eido do vacún maior. Estas industrias, desde abril do 2026, xa poden traballar baixo o novo Prego de Condicións da IXP, que inclúe varios cambios demandados por elas mesmas para facilitar a súa actividade e favorecer a comercialización.
Cambios importantes, como por exemplo a supresión da maduración en orixe, permitindo que agora a poidan facer en destino os operadores comerciais e compradores. Tamén se abriu a posibilidade da conxelación para poder atender mercados de terceiros países fóra da Unión Europea, así como a obtención de produtos cárnicos elaborados.
Con estes cambios, o Consello Regulador demostra a vontade de avanzar de acordo coas peticións do sector e coas demandas do mercado, pero tamén é necesario que as industrias cárnicas galegas aposten de forma contundente polo vacún maior certificado e promovan a súa comercialización baixo o selo da Indicación Xeográfica Protexida, como único aval da orixe galega e da calidade da nosa carne fronte a outras sen orixe garantida, que pretenden aproveitar o nome de Galicia como reclamo comercial.
Actualmente, o mercado demanda o produto, especialmente no eido da alta restauración. Todos temos que ser conscientes da calidade e potencial da carne das vacas e bois galegos e debemos apostar por facer país, de maneira que o seu prestixio repercuta en beneficio do conxunto do sector, tanto dos gandeiros como das industrias. Polo tanto, é misión de todos, non só do Consello Regulador, defender o nome e o prestixio da carne certificada pola IXP Vaca Galega - Boi Galego.