O Centro Tecnolóxico da Carne investigará novos elaborados con Ternera Gallega Suprema
A Axencia Galega da Calidade Alimentaria e a Fundación Centro Tecnolóxico da Carne (CTC) abordarán novas vías de investigación para o desenvolvemento de produtos de cuarta e quinta gama elaborados a partir de Ternera Gallega Suprema. O obxectivo é adaptar a oferta ás novas tendencias de consumo, sen renunciar á calidade, á orixe e á identidade da carne de vacún galego.
Así o acordaron o director da Axencia, Martín Alemparte, e o director-xerente da Fundación, Miguel Fernández, nun xuntanza na que tamén apostaron por reforzar a colaboración entre ambas entidades en materia de investigación e innovación aplicada ao sector cárnico.
Por outra banda, coordinaron novas accións de divulgación da artesanía alimentaria, como a Aula Aberta de Artesanía Alimentaria sobre Derivados Cárnicos, que se celebrará o 21 de xullo no CTC.
Ambas entidades reafirmaron así o seu compromiso para impulsar a investigación, a transferencia de coñecemento e a valorización dos produtos agroalimentarios galegos, contribuíndo a reforzar a competitividade e o valor engadido do eido cárnico.
30 proxectos de I+D+i no 2025
En colaboración con empresas e axentes do sector, o Centro Tecnolóxico da Carne traballou en 30 proxectos de I+D+i o ano pasado, por un valor global de 14,3 millóns de euros.
Xunto os traballos de investigación, o CTC fixo 35.000 determinacións analíticas nos seus laboratorios en 7.354 mostras, sendo unha parte destacada do seu labor. Tamén ofreceu asesoramento ao sector, organizou xornadas de difusión e simulou procesos e produtos na súa planta piloto.
No que vai do 2026, o Centro traballou en 32 proxectos de I+D+i.