De tapas con Ternera Gallega Suprema na Feira Outrora de Rubián

A IXP regresou á Feira Outrora, no concello de Bóveda, para celebrar a súa edición número XXI. Desde o stand da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, o cociñeiro Ángel Parada e o director de Promoción de Ternera Gallega, Luis Vázquez, ofreceron dúas demostracións gastronómicas con diferentes tapas elaboradas coa carne certificada. Propostas culinarias ideais para comprobar a calidade do produto e para que o público asistente coñecera pezas singulares e formas innovadoras de preparar as máis populares.

A primeira tapa achegou frescura e sabor nun petisco moi sinxelo de preparar. Parada serviu un tataky da croca, aliñado con tomate seco e herbas aromáticas. De cociñado corto e mariñado durante unhas horas en aceite, o chef explicou que podemos telo listo con antelación e servir no momento. Tamén fácil e diferente foi o rosbif, que elaborou co redondo e laminou para servir coma un friame aderezado co zume do asado da peza. 

Na prancha, o cociñeiro xogou con diferentes pezas, sorprendendo con tres diferentes que se soen empregar para guisar. Co tratamento axeitado, de temperado, corte e preparación, tanto a tapa da pa, como o filete de vacío e a bavette demostraron que compiten en sabor, moleza e zumarencia con pezas habituais para a prancha.

A última parada desta viaxe gastronómica foi un prato de preparación máis longa: un guiso de xarrete tradicional, pero servido nun brioche; unha forma de presentación máis actual e perfecta para comer como tapa.

Divulgación sobre a IXP

Ademais de comprobar as cualidades organolépticas da carne certificada, os asistentes puideron coñecer mais sobre a IXP e o seu traballo. O director de Promoción, Luis Vázquez, explicoulles o sistema de crianza de Ternera Gallega Suprema e de Ternera Gallega, o tipo de animais e as razas admitidas, ademais da súa alimentación e os requisitos de benestar animal. Sinalou especialmente o etiquetado que acompaña a cada categoría comercial, de xeito que poidan identificar o produto amparado e diferencialo de outras carnes sen orixe nin calidade recoñecidas. Tamén explicou o sistema de control e rastrexabilidade que aplica o Consello Regulador en todas fases da cadea para que a carne chegue con esas garantías aos puntos de venda. 

Xunto as degustacións de Ternera Gallega, a programación da Axencia Galega da Calidade Alimentaria tamén acolleu dúas catas de queixos, tanto con DOP como de Artesanía Alimentaria, e outra da IXP Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia con doces, tamén, de Artesanía Alimentaria. 

Rubián celebra cada ano esta Feira que recupera os oficios e a artesanía tradicionais, con demostracións de traballos como o de canteiro ou o torneiro, entre outros  Tamén houbo unha exhibición de escultura con motoserra e obradoiros de deseño. Todo amenizado con actuacións musicais e actividades para os máis pequenos.