Casa Vázquez, a gandería de Ternera Gallega Suprema Ecolóxica que impulsa o MUVICLA
Máis de 200 anos de historia do rural galego, da súa gandería o de seu patrimonio condénsanse nesta casa de labranza da parroquia de Trasliste, no concello de Láncara. Un punto de encontro entre a tradición agraria e a súa modernización máis recente; que ademais da gandería actual, inscrita na IXP Ternera Gallega, tamén acolle unha explotación de mazás ecolóxicas e o Muvicla, o Museo Vivo e Integrado do Campo e a Locomoción Agraria. Así é Casa Vázquez, que recibiu a visita do presidente do Consello Regulador, Jesús González, e do director de Promoción, Luis Vázquez.
Inscrita desde os inicios da Denominación, desde o ano 1990, esta gandería cría actualmente 25 animais e, ademais de contar co amparo de Ternera Gallega, tamén está inscrita no CRAEGA e en ACRUGA. Foi dela de onde procederon os primeiros canais certificados dentro da categoría comercial Ternera Gallega Suprema Ecolóxica, que saíron ao mercado en marzo do 2024.
O seu titular actual, Marcos Vázquez, tomou o relevo da gandería de mans de seus pais hai algo máis dunha década. Foron eles, Manuel e Oliva, os que a finais dos 70 modernizaron a casa de labranza, construída a finais do século XIX e melloraron a cabana, especializándose na raza Rubia Galega. Ademais de apostar pola certificación ecolóxica no cultivo de mazás para sidra, tamén conservaron e actualizaron a maquinaria agrícola da propiedade.
O museo
Do mimo de Casa Vázquez por manter as tradicións e preservar o patrimonio cultural e agrario, naceu o Muvicla, o primeiro centro museístico amparado pola Xunta, que recibe anualmente unhas 5.000 visitas. Inaugurado no 2019, este museo xurde da paixón de Marcos e da súa familia polo rural e pola maquinaria agrícola, co obxectivo de conservar os apeiros clásicos e amosar tamén a mecanización e modernización do campo (e, en consecuencia, da sociedade galega) desde mediados do século XX.

O centro, que realiza diferentes actividades e xornadas informativas, recibe visitas de escolas, institucións e particulares. Conta cunha colección de tractores antigos, maquinaria e apeiros – algúns, recuperados e restaurados polo propio Marcos - que ilustran o pasado e o presente dunha explotación familiar. E mira tamén cara o futuro, divulgando a cultura rural e a conservación do territorio.