Colexios de A Baña e Coristanco despiden o curso coa carne certificada

Alumnado e familias de infantil e primaria remataron este curso escolar cunha xuntanza na que puideron probar as cualidades diferenciais da carne amparada. O cociñeiro negreirés, Xosé Manuel Mallón, especialista no vacún de carne e colaborador habitual da IXP, ofreceu dúas degustacións diferentes para unhas 500 persoas.

Serviu un petisco sinxelo pero saboroso e mol como é o pepito de Ternera Gallega, co que pequenos e grandes puideron achegarse ao produto amparado e ás súas características organolépticas. Unha das degustacións foi o xoves no CRA A Tarandeira, con estudantes de Coristanco, A Baña e Santa Comba; mentres que a outra desenvolveuse o venres no CIP San Vicente de A Baña

Dúas xornadas de festa e diversión para despedir o curso e poñer en valor o campo e o seu futuro; tanto desde o punto de vista educativo, reivindicando a escola no rural, como a nivel gastronómico e gandeiro, enxalzando os sabores da nosa terra froito do traballo dos produtores e produtoras inscritos. No caso de Ternera Gallega, Coristanco, Santa Comba e A Baña contan con 26 ganderías dentro da IXP.