Origen España aborda en Zamora os retos da IA e os acordos con Mercosur

A Asociación Española de Denominacións de Orixe celebrou as súas XVII Xornadas Técnicas e a Asemblea Xeral en Zamora entre o 3 e o 5 de xuño, reunindo a preto dun centenar de figuras de calidade para tratar cuestións de interese conxuntas e desafíos de futuro. Dúas xornadas de traballo nas que a IXP Ternera de Aliste exerceu de anfitrioa.

Un dos asuntos abordados foi a IA e os seus retos, a cargo da directora da Cátedra Internacional Enia Inteligencia Artificial e Agricultura da Universidade de Córdoba, Rosa Gallardo, e do director da cátedra Atmira Open AI e BIG Data, José Raúl Romero. Nesta cuestión, o presidente de Origen España, Ángel Pacheco, destacou que as novas tecnoloxías son cada vez máis necesarias en toda a cadea de valor, tanto nas explotacións como nas industrias, e supoñen un gran potencial para atraer aos mozos e mozas ao sector, especialmente nun momento de escasa remuda xeracional. 

Outra das charlas máis destacadas tratou o acordo UE-Mercosur, da man do catedrático emérito de Produción Animal, Carlos Buxadé, quen avogou por non asustarse ante este tratado xa que, dixo, as cantidades de produtos de fóra acordadas son pequenas e Europa aumentará os controis para cumprir as cláusulas de salvagarda. Un aspecto, a vixilancia desas cláusulas, no que tamén incidiu Ángel Pacheco. 

As Xornadas acolleron, ademais, unha mesa redonda sobre o papel da canle Horeca como punto de contacto entre o consumidor e os produtores das IXP e DOP.