Ternera Gallega, preto dos consumidores nos mercados de Ourense e Vigo

A carne certificada da IXP Ternera Gallega acompañou un ano máis aos consumidores nas  celebracións da campaña ‘Quere o teu mercado’, unha iniciativa europea que pon en valor as prazas de abastos e as compras de proximidade. En Ourense, xa son 10 edicións nas que colaborou a Indicación Xeográfica Protexida; achegando o produto amparado para ofrecer unha degustación e , tamén, receitarios con explicacións sobre as diferentes pezas do vacún e os seus usos culinarios a través de propostas gastronómicas moi variadas. 

A campaña desenvolveuse na Praza de Abastos da cidade das Burgas o venres 29 e o sábado 30 de maio. Tamén Vigo acolleu o evento; neste caso, no Mercado de Teis, onde Ternera Gallega conta cun punto de venda con acordo de colaboración, a Carnicería Navia. A degustación ofreceuse o xoves 28, tamén con carne certificada e receitarios da IXP, como aconteceu o ano pasado.

Shopping Night

Este venres, día 5, Ourense acollerá unha nova degustación de Ternera Gallega, xa no marco da Shopping Night, na que participan decenas de establecementos da cidade, cun horario de apertura especial ata as 11 da noite. 

A celebración, organizada polo C.C. Aberto Ourense Centro, busca dinamizar o comercio local e inclúe diferentes actividades e actuacións musicais.