As carnes amparadas promociónanse en Milán xunto coa Agacal
A IXP Ternera Gallega e a IXP Vaca Galega-Boi Galego estiveron presentes na feira culinaria Tuttofood de Milán, celebrada entre o 11 e o 14 de maio, xunto con outros produtos autonómicos con denominación de orixe. Da man da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, promocionáronse as carnes certificadas e ofrecéronse varias degustacións de Ternera Gallega Suprema e Boi Galego co fin de amosar ao público internacional a versatilidade do vacún galego e as súas características diferenciais.
Unha versatilidade gastronómica que se demostrou a través de varias pezas e propostas culinarias. No caso da IXP Ternera Gallega, o cociñeiro Flavio Morganti - de orixe italiana pero afincado en Ourense - empregou a croca para presentar un steak tartar e unha tagliata con romeu e tomate; ademais dun vitello tonnato elaborado co redondo. O vacún maior certificado estivo representado pola carne de Boi Galego, da que o chef ofreceu un lombo baixo á grella, acompañado da IXP Castaña de Galicia.

Coa presenza dunha industria inscrita
Baixo o paraugas do stand da Consellería do Medio Rural, tamén viaxou a Tuttofood unha das industrias inscritas, Garemeat, que inclúe entre os seus produtos as carnes certificadas da IXP Ternera Gallega e da IXP Vaca Galega-Boi Galego. A súa presenza neste tipo de feiras gastronómicas é unha oportunidade para buscar novas saídas comerciais nos mercados de carácter internacional.
Desde Milán, o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, destacou que a internacionalización do sector agroalimentario galego é clave para “seguir xerando valor engadido, fortalecer o medio rural e colocar a Galicia como referencia europea en calidade diferenciada”.
Tuttofood é un dos eventos gastronómicos de maior relevancia en Italia, cun espazo de 80.000 metros cadrados de exposición no que están presentes 4.200 empresas expositoras de 70 países.