O CIFP A Granxa de Ponteareas acolleu un seminario sobre as IXP

Preto de 30 persoas asistiron ao curso que o Consello Regulador impartiu no CIFP A Granxa, en Ponteareas, enmarcado no Grao Superior de Procesos e calidade na industria alimentaria. Unha sesión formativa que abordou os aspectos tecnolóxicos que afectan á calidade da carne certificada e as técnicas e consellos de preparación, corte e cociñado; ademais de tratar os procesos de certificación e rastrexabilidade en todas as fases da cadea.

Xunto co director de Promoción das IXP, Luis Vázquez, os alumnos e alumnas puideron analizar que significa o concepto de carne de calidade e que aspectos se deben valorar para poder definila así. Tanto as cualidades organolépticas, desde a cor, o sabor, a zumarencia ou a moleza, entre outras, como cuestións relativas á seguridade alimentaria, os sistemas produtivos e de manexo, a alimentación dos animais ou outros atributos de valor que veñen marcados pola orixe xeográfica ou as tradicións dos gandeiros e gandeiras.

Aspectos que os estudantes comprobaron na práctica traballando con diferentes pezas, coas que tamén puideron analizar como afecta á carne a súa maduración, o temperado o sentido do corte ou as diferentes técnicas de cociñado. 

Luis Vázquez tamén explicou o sistema de control que o Consello Regulador aplica no campo, nas industrias inscritas e nos puntos de venda para garantir a rastrexabilidade da carne certificada de Ternera Gallega en todo momento, chegando mesmo a realizar probas de ADN sobre o produto. Os alumnos puideron coñecer igualmente os procesos que aplica a IXP para a certificación da carne amparada e a súa etiquetaxe.