A Feira degustación de Ternera Gallega en Láncara congrega a 700 persoas 

Un ano máis, o campo da feira da Pobra de San Xiao acolleu, o pasado venres, a festa degustación de Ternera Gallega de Láncara, declarada de Interese Turístico de Galicia. Unha cita que pon en valor a gandería, a cultura e a gastronomía propias, cun xantar de Ternera Gallega Suprema, que se serviu tanto preparada ao caldeiro como en costela asada e que puideron degustar arredor de 700 comensais, entre veciños e visitantes. 

 

Nesta XXVII edición, o xantar acompañouse dunha exhibición de gando, con 75 animais de Rubia Galega, e dunha poxa organizada en colaboración con Acruga. As xovencas presentadas pola Asociación alcanzaron un prezo medio de 3.600 euros, superando en 700 a cifra de saída. Procedían do centro de recría da Granxa Gayoso Castro, dependente da Deputación de Lugo, e foron adquiridas por ganderías de Sarria, Sevilla e Láncara. 

Ademais, a mostra de gando contou cun concurso que premiou os mellores sementais, vacas e xovencas, que proviñan de explotacións de produtores inscritos en Acruga de diferentes localidades: O Corgo, O Páramo, Samos, Friol, Barreiros e Vilalba.

Durante toda a xornada, o concello de Láncara tamén ofreceu degustacións doutros produtos do campo e amenizou o día con actuacións musicais e deportivas, postos de artesanía e espectáculos ecuestres e de cetrería. Como todos os anos, a Feira de Ternera Gallega estivo precedida o día anterior pola Festa dos Avós.