Origen España pediu ao Gobierno que as IXP e DOP teñan prioridade nos comedores colectivos
A Asociación Española de Denominacións de Orixe, á que pertence o Consello Regulador, propuxo ao Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030 que os alimentos con selo de calidade diferenciada teñan prioridade no proxecto de Real Decreto sobre comedores colectivos. O borrador desta norma fixa criterios para fomentar unha alimentación saudable e sostible en centros públicos e privados destinados a persoas dependentes ou con necesidades especiais.
Origen España reclama que o texto inclúa unha puntuación adicional ou unha cota mínima de reserva para os produtos con DOP e IXP. Pola súa parte, o Ministerio busca, con esta normativa, mellorar a oferta nutricional en comedores colectivos, propoñendo empregar a compra pública como ferramenta para impulsar sistemas alimentarios máis saudables e con menor impacto medioambiental.
O presidente da Asociación, Ángel Pacheco, recordou que España conta con 225 denominacións agroalimentarias, sendo o terceiro país de Europa en número de selos de calidade, só por detrás de Italia e Francia. Pero, a diferencia do que acontece nestes países, en España a presencia destes produtos nos comedores de escolas, hospitais ou residencias é moi baixa e faltan normativas que incentiven a súa compra pública.
Ademais, as IXP e DOP son fundamentais para o desenvolvemento sostible e o mantemento do rural. Destacan, tamén, pola súa calidade nutricional e certificada e polos altos estándares en control e rastrexabilidade.