Visítanos un dos restaurantes con acordo de colaboración con Vaca Galega-Boi Galego
Os propietarios do restaurante Breogán Cocina Gallega, en Palma de Mallorca, achegáronse este xoves á sede do Consello Regulador, onde se reuniron co responsable de Puntos de Venda, Xosé Manuel Ons. Desde xuño do 2024, os irmáns Carlos e Marcos Gil contan con acordo de colaboración para a comercialización da carne certificada; unha posibilidade de traballo conxunto que as IXP, tanto Ternera Gallega como Vaca Galega-Boi Galego, ofrecen a todos os puntos de venda ou restaurantes que o soliciten.
Neste encontro, abordaron cuestións de interese sobre o produto amparado, como os requisitos para a inscrición dos animais e para a certificación da carne; tratando a conformación e o engraxamento dos canais ou aspectos como a maduración. Tamén afondaron no sistema de control que aplica o Consello Regulador; incidindo no correcto etiquetado e identificación do produto xa que os puntos de venda deben distinguilo doutras carnes e evitar confusións sobre a súa orixe ou denominación.
Tanto nas carnizarías e nas cadeas distribución como na hostalaría, a IXP Vaca Galega-Boi Galego – ao igual que Ternera Gallega - inspecciona o uso dos nomes amparados e comproba, mediante documentación e albarás, que o produto sexa certificado. Tamén pode tomar mostras da carne para realizar probas de ADN que garantan a súa rastrexabilidade ao 100 %. É a última fase do programa de control do Consello Regulador, que pasa tamén polas ganderías e as comerciais cárnicas inscritas, onde comproba que se cumpran os requisitos para a marcaxe dos animais e para a certificación da carne.