Curtis acolleu unha xornada informativa sobre as IXP

Máis de setenta gandeiros e gandeiras asistiron este luns a dúas charlas técnicas sobre Ternera Gallega e Vaca Galega-Boi Galego, organizadas en colaboración co concello de Curtis e ás que asistiron o seu alcalde, Javier Caínzos, e o presidente do Consello Regulador, Jesús González. Tamén participaron o director de promoción, Luis Vázquez, e o director técnico, Antón Xende. 

Vázquez expuxo o primeiro dos relatorios, centrado en Ternera Gallega. Repasou a historia da IXP e destacou as cualidades da carne que a converten nun produto de calidade. Cualidades que derivan do traballo das ganderías inscritas e do sistema de crianza e alimentación dos animais. Tamén puxo en valor o programa de control da rastrexabilidade que o Consello Regulador aplica xa desde os anos noventa e que permitiu que Ternera Gallega saíse reforzada de momentos de crise como a foi o das “vacas tolas”. Nesa liña, o director de Promoción insistiu na relevancia das etiquetas que acompañan o produto amparado e que avalan o labor de gandeiras e gandeiros. 

No caso do vacún maior, o director técnico explicou os requisitos de inscrición para as explotacións e para as vacas e os bois, lembrando as diferencias con Ternera Gallega. A IXP Vaca Galega-Boi Galego admite a raza frisoa, polo que as ganderías de leite poden inscribir os seus animais, sempre que realicen un acabado obrigatorio de 6 meses; que en Ternera Gallega é recomendable. Xende tamén falou das diferentes categorías comerciais e as etiquetas que as identifican.

Na quenda de preguntas, o presidente do Consello Regulador insistiu en que as ganderías que se inscriban en Vaca Galega-Boi Galego poderán optar a unha axuda da Consellería do Medio Rural para cubrir os gastos da marcaxe. Unha oportunidade, dixo Jesús González, para facer país e, tamén, para contar co apoio da certificación, que sempre é un aval de cara aos consumidores e unha garantía para os propios produtores en épocas de crise ou de prezos baixos. Recordou que o fin da IXP é poñer claridade no mercado e evitar o fraude doutras carnes que empregan o nome de Galicia como reclamo.

Ao finalizar as charlas, o público asistente puido degustar a carne de Ternera Gallega, que se serviu á prancha e estufada e que se acompañou con queixo da DOP Arzúa Ulloa e viño da DO Ribeira Sacra. 

Degustación na Baña 

O pasado domingo a IXP ofreceu outra degustación do produto amparado, no marco da XXII Festa da Filloa da Pedra celebrada na Baña. Unha xornada que conxugou gastronomía, tradición, deporte, música e artesanía.