As IXP participan nunha xornada do Clusaga sobre territorio e alimentación
Organizado polo Clúster Alimentario de Galicia e a Fundación Juana de Vega, o encontro ‘Territorio e Alimentación: construíndo identidade e valor compartido’ propuxo un debate sobre a relevancia dos alimentos como representantes da identidade territorial e como xeradores de valor, tanto a nivel socioeconómico como cultural. Unha xornada, que se desenvolveu en Santiago este venres, na que o director de Promoción do Consello Regulador, Luis Vázquez, deu voz ás denominacións de orixe e destacou o seu papel para a continuidade da actividade produtora no rural e para fixar poboación.
Vázquez participou na primeira das mesas redondas deste encontro, ‘Indicacións de calidade e marcas territoriais: claves de éxito’, compartindo reflexións e experiencias coa directora xeral de Desenvolvemento Rural do Principado de Asturias, Mª Begoña López, o xefe do Servizo de Mercado da Xunta, Ramón Fernández, e a presidenta de Saborea España, Blanca Jiménez.
As IXP e DOP como garantes da orixe dun alimento - e da súa calidade vinculada ao territorio do que proceden - foi o punto de partida da conversa, na que o director de Promoción de Ternera Gallega e de Vaca Galega-Boi Galego puxo en valor os selos de calidade diferenciada e a súa importancia no mantemento do rural. Tal e como recordou, o traballo das 8.000 ganderías inscritas, moitas delas situadas en zonas de media e alta montaña, xera riqueza e preserva as tradicións e o noso patrimonio cultural. Ademais, a súa actividade e a crianza dos animais, baseada no pastoreo e no aproveitamento dos recursos propios, favorece a biodiversidade e a conservación dos ecosistemas, contribuíndo á sostibilidade medioambiental.
Outros proxectos referentes
Antes deste debate, a xornada comezaba cun relatorio sobre a identidade territorial como motor de diferenciación ante o consumidor, a cargo do CEO de GastroAgencia, Miguel Rives. A segunda das mesas redondas centrouse nas experiencias empresariais e gastronómicas de diferentes sectores, coa cociñeira de A Tafona e fundadora do proxecto Amas da Terra, Lucía Freitas, a responsable de marketing de Casa Grande de Xanceda, Sara Torreiro, o director xeral de Martín Codax, Juan Vázquez, e o director de marketing de Hijos de Rivera, Ramón de Meer.
O encontro rematou cunha exposición de conclusións e coa visión institucional do director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, que deu paso a un espazo de networking para o intercambio de opinións e de contactos profesionais.