Medio Rural e as IXP ampliarán a súa colaboración na promoción do produto amparado
A Consellería, Ternera Gallega e Vaca Galega-Boi Galego intensificarán a súa colaboración para ampliar a promoción e comercialización do vacún galego de calidade. Así o afirmou a titular de Medio Rural, María José Gómez, despois de manter unha xuntanza de traballo con membros do Consello Regulador; tanto o seu presidente, Jesús González, como o secretario, José Gómez, e representantes do sector industrial e da distribución.
A conselleira lembrou que o seu departamento traballará nun programa de medidas para defender o agro galego ante o acordo entre a Unión Europea e Mercosur. Vai incluír accións que reforcen a promoción dos produtos galegos de proximidade, a través de apoio ao sector produtor ou mediante a realización de feiras e actos, con especial fincapé nos selos IXP e DOP.
Este programa contempla unha estratexia de exportacións; a posta en marcha dun Observatorio de Prezos ou un plan de control específico en Galicia sobre os produtos importados, a través do cal se farán avaliacións de residuos de substancias non permitidas e se comprobarán as condicións sanitarias. Tamén se fortalecerá a supervisión en materias como a etiquetaxe, a calidade ou a rastrexabilidade.