O vacún galego certificado, presente en Madrid Fusión

As IXP Ternera Gallega e Vaca Galega-Boi Galego repiten presenza no congreso gastronómico Madrid Fusión un ano máis, ofrecendo un showcooking da carne certificada por ambos selos desde o stand da Consellería do Medio Rural. A calidade, o sabor e a versatilidade do produto amparado foi o fío condutor dunha demostración culinaria dirixida polo chef do Restaurante España, Héctor López. Asistiron profesionais cárnicos e consumidores e contou, tamén, coa presenza da conselleira do Medio Rural, María José Gómez, e da titular do Mar, Marta Villaverde. 

Como primeira proposta, o cociñeiro preparou unha receita sinxela pero con moito sabor: un steak tartar de Ternera Gallega Suprema elaborado coa croca. A elección desta peza permitiu amosar ao público que un prato en cru tamén se pode facer cun corte diferente ao habitual solombo. O pase gastronómico continuou cunha ensalada de rosbif de redondo, co que Héctor López puido explicar como cociñar un asado de forma rápida e conservando todos os zumes da carne.

Para a prancha, o chef propuxo dúas pezas moi versátiles, tamén de Ternera Gallega Suprema. Unha delas, a tapa da pa (llana), coa correcta preparación e corte previo, serve tanto para guisar como para a grella; destacando o seu sabor e moleza sen necesidade de ningún aderezo. Tamén presentou, volta e volta, unha punta de croca (rabillo de cadera). O prato final, dedicado ao vacún maior, consistiu nun ravioli de tapa de Boi Galego Selección. Unha receita coa que romper a idea de que hai pezas de primeira ou de segunda categoría, no canto de pezas e usos culinarios axeitados.

A explicación das diferentes pezas e receitas intercalouse con información sobre as dúas IXP, o seu sistema de produción e o programa de control e rastrexabilidade que avalan a orixe e a calidade do produto certificado. Incidiuse, tamén, na importancia de fixarse nas etiquetas que o acompañan para que os consumidores saiban diferenciar a carne amparada doutras xenéricas e evitar confusións no mercado.  

No marco de Fitur

A pasada semana, a carne certificada pola IXP Ternera Gallega tamén formou parte dunha degustación de produtos organizada pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostalaría e Turismo de Lugo, coincidindo coa presentación en Fitur da nova edición da guía turístico-gastronómica `...E para comer, Lugo’.