Novo seminario formativo con estudantes de Industrias Alimentarias
O Consello Regulador visitou o CIFP Fontecarmoa, en Vilagarcía de Arousa, para achegar o seu programa de formación ao alumnado de Industrias Alimentarias e Elaboración de produtos alimentarios. Unha vintena de mozas e mozas que puideron coñecer mellor que significa o selo Indicación Xeográfica Protexida e que implica para o campo galego e para as empresas cárnicas inscritas. Tamén afondaron no despezamento dos diferentes cortes e nos seus usos culinarios.
Traballaron con pezas do dianteiro, como a tapa da pa, ou da perna traseira, como o corte redondo. E despalmaron unha faldra para coñecer os seus diferentes grupos musculares, como o vacío. Con estas pezas tan variadas, os estudantes practicaron as mellores técnicas de tratamento e corte da carne e os xeitos de cociñado máis axeitados para cada unha delas.
O seminario de Ternera Gallega e de Vaca Galega-Boi Galego, na súa parte teórica, abordou as cualidades diferenciais do produto amparado, o sistema produtivo das ganderías e os procesos de certificación nas industrias inscritas; afondando no sistema de control de calidade e rastrexabilidade que aplica o Consello Regulador en todas as fases da cadea.