Así se debe aproveitar o pasto para cebar os tenreiros de Suprema
O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo realiza diferentes estudos sobre o engorde de tenreiros e de vacas de desvelle; dos que extrae consellos para poder lograr canais cun bo grado de engraxamento, tanto na cobertura da carne como na súa infiltración. O cebo do vacún sobre a base dun aproveitamento de pastos e forraxes incrementa o valor dos animais, mellorando a calidade do canal e da carne, tanto a nivel organoléptico como nutricional.
Así o indica a investigadora do CIAM, Teresa Moreno, neste artigo, no que recomenda ás ganderías inscritas na IXP Ternera Gallega orientar unha maior porcentaxe dos partos cara o outono, co fin de sacrificar os tenreiros no verán e no segundo semestre do ano, xa que así aforrarán custos e a carne alcanzará mellores cualidades. A dispoñibilidade e a calidade do pasto en primavera e a principios do verán é máis alta e, deste xeito, coincide co momento de maior necesidade nutricional e mellor aproveitamento do pasto por parte dos tenreiros, que tamén se benefician da maior produción leiteira da vaca nai. É dicir, a ganancia media diaria dos tenreiros aumenta pos dúas vías: mellor pasto e máis leite.
Con este sistema de aproveitamento, os tenreiros chegan ao cebo cunha boa forma corporal. Ademais, o CIAM introduce o concentrado uns 15 días antes do destete mediante un comedeiro selectivo de campo para que o animal vaia acostumándose ao penso.
En canto á xestión dos pastos, desde Mabegondo apostan por un manexo adaptativo, que combine o pastoreo intensivo, introducindo máis densidade de animais nun espazo de tempo curto, con momentos de descanso. A idea sería copiar o comportamento natural dos herbívoros salvaxes, facendo que os animais pisen o chan e o fertilicen -o que favorece a biodiversidade e a saúde do solo- pero sen chegar ao sobrepastoreo; polo que é preciso mover o gando en rotación por diferentes parcelas.