A IXP promociona Ternera Gallega Suprema en Alemaña

O sabor e a moleza da carne foron as características que máis destacaron as preto de 200 persoas que asistiron a unha degustación de Ternera Gallega Suprema en Jülich, no oeste de Alemaña. Un evento de promoción e divulgación dirixido aos consumidores finais do sector da carnizaría tradicional, co obxectivo de que eles mesmos comprobaran directamente a calidade do produto amparado.

Puideron degustar diferentes cortes á grella, o xeito máis sinxelo de apreciar as cualidades organolépticas da carne certificada sen máis aderezos. Pezas singulares como o vacío ou o corte redondo, ademais da croca e a tapa demostraron a calidade e a versatilidade de Ternera Gallega Suprema. 

Os consumidores que se achegaron á degustación tamén recibiron receitarios e información sobre a Indicación Xeográfica Protexida, a orixe do produto e o sistema de crianza dos animais, incidindo na alimentación con leite materno como mínimo ata os 7 meses de idade. O éxito de convocatoria e os eloxios sobre a carne certificada apuntan a que o evento se repita no futuro.