O Gastronomic Forum Barcelona acolle unha demostración culinaria do produto amparado
Despois de asistir ao Congreso de Gastronomía de San Sebastian, esta semana o Consello Regulador está a promocionar as carnes certificadas no Gastronomic Forum Barcelona, que se celebra entre os días 3 e 5 na Cidade Condal. Unha cita que reúne a máis de 70 chefs con 50 estrelas Michelín e que supón un grande escaparate para amosar a calidade de Ternera Gallega e de Vaca Galega-Boi Galego, facendo fincapé na súa versatilidade na cociña e na importancia das etiquetas que permiten distinguilas doutras carnes sen Denominación.
Con ese obxectivo e baixo a batuta do cociñeiro Javier R. Ponte “Taky”, as IXP ofreceron un showcooking no que o menú incluíu diferentes pezas e categorías comerciais. Comezou cun rosbif de Ternera Gallega Suprema elaborado co redondo, demostrando que unha elaboración rápida e sinxela permite obter unha carne mol e saborosa.
A continuación, o vacún maior certificado presentou a súa categoría premium cunha peza de Boi Galego Selección. O chef escolleu a man de diante (espaldilla) para preparar un steak tartar, de xeito que o público puido comprobar que este tipo de pratos en cru, que normalmente se fan con pezas como o lombo ou o solombo, tamén se poden elaborar con outros cortes menos coñecidos pero de igual calidade.
Volvendo a Ternera Gallega, Taky cociñou unha das pezas máis versátiles do vacún, que tanto sirve para guisos como para a prancha: a tapa da pa (llana). Explicou que, coas técnicas de corte e preparación axeitadas, esta peza da dous filetes perfectos para preparar á grella sen máis condimentos que un pouco de sal, obtendo unha carne de gran moleza e zumarencia. Como prato final, e tamén de Ternera Gallega, serviu unha 'Ternerita pibil' elaborada con guiso de agulla.
Estas explicacións sobre a carne, as pezas e o cociñado intercaláronse con información sobre as dúas IXP e todo o que hai detrás deste selo: desde o sistema de produción das ganderías inscritas ata o seu programa de control e rastrexabilidade. Púxose o foco especialmente en que os asistentes coñeceran as etiquetas que identifican o produto certificado e o diferencian no mercado, co obxectivo de que saiban recoñecelo e evitar posibles enganos comerciais.