Origen España alíase con Ecovalia pola sostibilidade e a calidade do sector agroalimentario
A asociación de Denominacións de Orixe, Origen España, firmou un convenio de colaboración con Ecovalia, a organización profesional nacional da produción ecolóxica, co fin de promover un modelo agroalimentario sostible, de calidade e cun alto valor engadido. O acordo foi asinado en Madrid polo presidente de Origen España, Ángel Pacheco, e o presidente de Ecovalia, Álvaro Barrera, que fixaron un escenario de acción conxunta para impulsar a proxección nacional e internacional dos produtos de calidade diferenciada e ecolóxicos.
Pacheco indicou que ambas entidades “son baluartes do mantemento da biodiversidade e da defensa dos recursos naturais”. Tamén engadiu que “a sostibilidade está integrada na noción de Indicación Xeográfica, xa que a preservación dos recursos locais é vital para garantir o subministro duradeiro dos alimentos de calidade certificada”.
Con este acordo, as dúas asociacións fomentarán a proxección dos produtos con IXP e DOP e os ecolóxicos, sensibilizando aos consumidores sobre os seus beneficios e reforzando o papel do sector como motor do desenvolvemento rural.