Preto de 380 ganderías benefícianse das axudas aos gastos de marcaxe
O DOG publicou a lista de explotacións inscritas que recibirán as subvencións aos seus gastos de marcaxe, correspondentes ás axudas solicitadas o pasado mes de maio para as novas incorporacións aos selos de calidade. Os beneficiarios teñen ata o 25 de novembro para presentar, na sede online da Xunta, a documentación requirida: a xustificación dos gastos e a solicitude de pagamento (anexo VI).
Como indica a listaxe publicada, Ternera Gallega é a IXP que conta con máis beneficiarios, con 370 explotacións e un valor total de preto de 74.000 euros. No caso da IXP Vaca Galega-Boi Galego, recibirán a axuda sete ganderías, cun importe concedido de algo máis de 1.800 euros.
Acceso ás facturas
Os gandeiros e gandeiras inscritos, que conten con acceso online á área privada destinada aos produtores, teñen as súas facturas dispoñibles nas webs das IXP. Aqueles que aínda non solicitaran este acceso dixital poden facelo a través dos teléfonos habituais do Consello Regulador, proporcionando un correo electrónico de contacto, onde recibirán as instrucións para darse de alta no servizo.
Desde a web ou a aplicación móbil ‘Ternera Gallega Explotacións’, poden deixar os avisos de marcaxe, consultar os xa dados, acceder á Mesa de Prezos e ver os pesos dos canais certificados. A descarga das facturas só é posible desde a versión web.
Axudas aos novos produtores
Ademais das ganderías de Ternera Gallega e de Vaca Galega-Boi Galego, tamén van recibir as achegas 250 produtores de Agricultura Ecolóxica, 23 da IXP Mel de Galicia, 2 da IXP Pan Galego, outros 2 de Pemento de Oímbra e 1 da DO Ribeiro.
Estas axudas diríxense anualmente ás novas incorporacións nos réximes de calidade, podendo recibilas as persoas ou grupos de persoas físicas ou xurídicas que se incorporaran nos últimos 5 anos e que teñan gastos superiores a 50 euros. O período subvencionable comprendía entre o 1 de maio do 2024 e o 30 de abril deste ano. Cobren o 100 % dos gastos realizados, sen superar os 3.000 euros por explotación.