Gandeiros de Irlanda asisten a unha charla sobre o programa de control das IXP 

Un grupo de gandeiros procedentes de Irlanda, que forma parte da Irish Co-operative Organisation Society (ICOS), visitou a sede do Consello Regulador para coñecer mellor o sistema de control e rastrexabilidade do vacún galego de calidade. A cita encádrase nunha viaxe de dous días por Galicia, con Agaca como anfitrioa, para coñecer o traballo e as experiencias das cooperativas agroalimentarias, tanto no sector lácteo como no cárnico. 

Na presentación, o director técnico do Consello Regulador, Antón Xende, falou das diferentes fases do programa de control de Ternera Gallega, tanto nas ganderías e industrias inscritas como nos puntos de venda. Explicou como os inspectores da IXP controlan a orixe dos animais amparados, as razas admitidas, a súa alimentación e o benestar animal. Tamén abordou o proceso de  certificación dos canais e das pezas nas industrias cárnica; ademais da identificación e diferenciación da carne amparada nos establecementos de venda. Explicou que este sistema se sustenta no seguimento documental, na toma de mostras e en análises de ADN, para asegurar a rastrexabilidade do produto en todas as fases da cadea. 

Antes desta charla na sede do Consello Regulador, o grupo visitou o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) e o Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (Ligal). Tamén se achegou a unha explotación láctea en Boimorto, á cooperativa Aira, en Taboada, e a unha gandería cárnica de xestión familiar. 

Esta viaxe está enmarcada nun programa de formación para a mocidade irlandesa co fin de fomentar a súa implicación nas cooperativas e promover a presencia de mulleres e de persoas novas nos seus órganos de dirección.