O vacún galego certificado expón a súa calidade na San Sebastián Gastronomika
As carnes de Ternera Gallega e de Boi Galego protagonizaron unha demostración culinaria este martes no Congreso Internacional de Gastronomía de San Sebastián, que celebra a súa XXVII edición. En colaboración coa Axencia Galega da Calidade Alimentaria, as dúas Indicacións Xeográficas Protexidas de vacún de Galicia puxeron en valor a calidade, o sabor e a versatilidade do produto amparado, que se acompañou con outros alimentos autonómicos con denominación de orixe.
Ternera Gallega serviuse, no stand da Agacal, da man do chef Javier R. Ponte “Taky”, que ofreceu un tartar de Ternera Gallega Suprema elaborado coa picaña ou punta de contra. Unha proposta sinxela, rápida e fresca, que resalta a moleza característica desta categoría comercial da IXP, na que a carne procede de animais novos - de menos de dez meses - que se alimentan do leite materno como mínimo ata os nove. A peza escollida tamén permitiu desbotar a idea de que un prato de carne crúa, como é o tartar, só se pode preparar con cortes máis populares, como o lombo e o solombo.
O vacún maior, pola súa parte, estivo representado en Gastronomika con Boi Galego Selección, a carne de machos castrados antes do ano, maiores de 48 meses, que destaca polo seu alto grado de engraxamento; tanto na cobertura como na infiltración. Cualidades organolépticas moi valoradas neste tipo de produto, especialmente no sector da restauración. O encargado de poñer sobre a mesa o sabor e a zumarencia do Boi Galego Selección foi o cociñeiro do Restaurante España (Lugo), Héctor López, que presentou un xarrete guisado con IXP Castaña de Galicia. Ademais, os viños da DO Ribeira Sacra acompañaron as dúas propostas cárnicas.
Ternera Gallega, na Festa da Pataca
Vilar de Barrio celebrou os días 4 e 5 de outubro a 46 edición da Festa da Pataca, na que colaboraron diferentes IXP e DOP autonómicas. Ternera Gallega participou achegando material promocional e receitarios para os asistentes, ademais de produto amparado para degustar.
A cociñeira, e tamén pregoeira da Festa, Begoña Vázquez dirixiu un showcooking o sábado, no que preparou un xarrete de Ternera Gallega Suprema Ecolóxica con Pataca de Galicia. Tamén con esta IXP e con Mel de Galicia, ofrecéronse varias demostracións culinarias durante as dúas xornadas de celebración e, o domingo, servíronse pepitos da carne certificada xunto á IXP Pan de Cea.