A carne certificada degustouse en varias localidades durante todo o mes

Diferentes eventos culturais e deportivos celebrados en setembro contaron coa colaboración de Ternera Gallega. O mes rematou coa Feira de Artesanía de Triacastela, onde a IXP ofreceu un showcooking en colaboración coa Axencia Galega de Calidade Alimentaria. O chef Marcos Arufe dirixiu a presentación e a cociña, na que preparou tres pratos elaborados coa carne certificada. Abriu boca cunha empanada de Ternera Gallega, para seguir cunha tapa da pa á prancha e rematar cunha tosta de agulla estufada de Ternera Gallega Suprema. 

Estas pezas e receitas amosan a versatilidade do produto amparado, tanto para preparacións rápidas e sinxelas como para guisos con máis tempo de cociñado. A mesma liña seguiu a demostración culinaria realizada pola IXP na IV Festa da Vendimia de O Saviñao. Nesta ocasión, o cociñeiro Santi Almuiña empregou un corte redondo (babilla) para servir un tataki fresco e lixeiro, que precedeu a un bocadillo de pastrami de peito e a un xarrete acompañado de IXP Fabas de Lourenzá. 

A carne certificada tamén formou parte da XIII Xuntanza de Blogueiros Gastronómicos, que este ano se celebrou en Ribadeo e cuxo menú ofreceu tapa da pa estufada. 

No ámbito deportivo, a IXP Ternera Gallega colaborou con material promocional e produto amparado para degustar en varias citas ao longo do mes. Desde a cea de benvida da Triple Coroa Illas Atlánticas, en Sanxenxo, ás competicións Let Padel de Ames e o Trail de A Baña, que logrou récord de participación.