Ternera Gallega Suprema – Carne de Rubia Gallega viaxa coa Volta ciclista 

Xunto con ACRUGA e da man da Asociación de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl), a IXP participa un ano máis na Volta ciclista, que partiu de Turín o pasado sábado e rematará en Madrid o 14 de setembro. Ademais das tres saídas que haberá en Galicia, a carreira terá sabor galego con diferentes degustacións de Ternera Gallega Suprema - Carne de Rubia Gallega. 

Ademais das paradas en Italia e Francia, a Volta pasa por Andorra e varias comunidades do norte e do centro de España, onde a IXP está a promocionar o produto amparado en colaboración con Acruga. Propón elaboracións variadas, tanto á prancha como guisos ou estufados, con pezas moi distintas: desde a contra, a febra miúda ou a croca ata o xarrete ou a folla branda.

Degustacións en Galicia

A carne certificada pola IXP tamén vai estar presente noutros eventos durante esta fin de semana. En Ribadeo, a Praza de Abastos acolle, venres e sábado, unhas xornadas con degustacións organizadas pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), que proximamente se repetirán noutras localidades. O cociñeiro Xosé Manuel Mallón ofrecerá varias tapas de Ternera Gallega acompañadas cos viños galegos con Denominación de Orixe. Co redondo, a croca ou a tapa da pa vai preparar receitas do máis variado. 

Por outra banda, o Festival da Luz, que se celebra de venres a domingo en Boimorto, contará un ano máis coa presenza da IXP, xunto a outros alimentos galegos con selo de calidade e a Agacal. Ademais, a carne certificada tamén formará parte do showcooking que vai ofrecer a Deputación da Coruña o sábado neste festival da man do chef do Espazo Abella, André Arzúa, que servirá bocados de rosbif. 

Máis deporte

E seguindo coas citas deportivas, Ternera Gallega colaborará de novo coa proba de natación Triple Coroa Illas Atlánticas, que festexa o seu décimo aniversario o 6 de setembro. Coa achega de carne certificada para degustar e de material promocional, a IXP apoia un evento que reúne a 134 nadadores de toda España, Portugal, Ucraína, Francia, Italia e Andorra, que van percorrer 13 km entre a illa de Ons e Sanxenxo.